RCD / #ANOSACASA / ABANCA-RIAZOR / HISTORIA

HISTORIA DE RIAZOR

O 29 de outubro de 1944 viu a disputa do seu primeiro partido o Estadio Municipal de Riazor, un Deportivo-Valencia, aínda que a inauguración oficial foi no encontro España-Portugal do 6 de maio de 1945. Substituía así o vello campo coñecido como Parque de Riazor, situado onde se encontra hoxe en día o colexio das Escravas do Sagrado Corazón de Jesús. O terreo foi adquirido polo Concello por 300.000 pesetas e o proxecto foi obra do arquitecto Santiago Rey Pedreira.

O ascenso de 1941 reavivou a necesidade de construír un novo campo de fútbol. Xa desde 1939 o arquitecto municipal comezara a deseñar unha instalación arquitectonicamente emblemática.

A construción do estadio excedera os cinco millóns de pesetas e reflectía un deseño típico da arquitectura monumentalista da Alemaña de entreguerras. Dita característica fixo que o Deportivo pasase de xogar nun campo mediocre a un dos máis grandes de España.

Non en balde o recinto ocupaba 39.325 m2 e o seu terreo de xogo era máis grande que o actual (105 por 74, fronte aos 105 por 68 actuais). A súa capacidade foi a máis alta de toda a historia con 32.000 espectadores sentados ou 40.000 de pé. As propias cifras dan idea do monumentalismo do estadio, o cal se acentuaba por varios elementos singulares.

Un deles era a longa columnata con arcadas a modo de fachada que enfrontaba a praia de Riazor, as coñecidas como "portas olímpicas"; outro o era o propio deseño do estadio, cunha pista de atletismo de seis calles e forma de ferradura á maneira dos recintos clásicos, no que incidía a devandita columnata. A chamada Bancada Elevada, situada no lugar da actual Preferencia Superior, foi unha das maiores de España no seu día, e a súa enormidade (como reflicte o seu nome) debíase a que a maiores da bandexa inferior tiña outra superior coroada por unha retahíla de bandeiras típica daqueles estadios. As vellas fotografías de Riazor permiten ver unhas celosías cruciformes que fechaban as bancadas e que aínda se conservan na parisiense pista central de tenis de Roland Garros.

Por último, un xigantesco obelisco que excedía os 45 metros de altura resaltaba desta forma o eixo axial do campo. Aquel fito arquitectónico chamado Torre de Marathón non era senón un miradoiro para seguir en panorámica as probas atléticas, fundamentalmente a maratón, que se disputarían pola cidade e finalizarían, loxicamente, no estadio.

Co paso do tempo demostrouse a pouca utilidade de semellante elemento, aínda que a vocación atlética do recinto serviu para que o RC Deportivo desenvolvese unha prestixiosa sección de atletismo e para que Riazor fose sede de campionatos militares, universitarios e mitins diversos de atletismo. As competicións atléticas de Riazor, sobre todo despois da reforma de 1982, chegaron a ser memorables en probas de mediofondo nas que se rozaron récords mundiais, como sucedeu co marroquí Said Aouita a finais dos oitenta nos Teresa Herrera atléticos.

O estadio inaugurouse cunha derrota por 2-3 contra o Valencia e os resultados posteriores foron tan negativos que chegou a considerarse gafe. Nada que ver coa realidade, como anos despois se demostraría. Riazor era un recinto enorme non só para tan modesto equipo senón mesmo para a propia cidade, pois nas súas bancadas cabía preto da metade da poboación da cidade en 1945, que entón tiña uns 120.000 habitantes.

De feito na Temporada 1946-1947, Riazor foi a sede da final de Copa entre o Real Madrid e o Espanyol, con vitoria por 2-0 para os madridistas.

Con motivo do Mundial de 1982, condicionado claramente polo fútbol, o Estadio sofre unha profunda remodelación, dirixida polo arquitecto municipal Antonio Desmonts. Perde o encanto orixinal e o recorte que sofren as súas pistas de atletismo condiciona a partir dese momento o seu uso para competicións de carácter internacional, á vez que gaña en confortabilidade, con numerosas localidades de asento e cubertas.

Xa na Temporada 1983-1984, o Concello e o Deportivo acordan a través dun convenio a cesión do Estadio por un período de cincuenta anos, ao prezo simbólico dunha peseta anual.

Mediada a década dos anos 90, o Estadio acometeu unha nova remodelación, co fin de pechalo e transformalo nun campo de fútbol, sen pistas de atletismo. Riazor pasou a ser unha "bombonera". Desapareceron as bancadas de Lateral de Marcador e Especial de Nenos para dar lugar á nova de Pavillón, mentres Xeral pasaba a ser Marathón.

No ano 2000 este acordo de colaboración entre o Concello e o Deportivo foi revisado axustándose aos novos tempos e ás necesidades do Club e da cidade. O Estadio de Riazor foi modificado ese ano para adecuarse á normativa da UEFA para que o equipo participase, por primeira vez, na Liga de Campións. A sala de prensa, o palco e a zona das televisións foron as que máis cambios sufriron.

Despois, escalonadamente, o Club foi acometendo distintas melloras. Construíronse os Palcos VIP e, nos últimos tempos, arrombáronse os accesos e estancias interiores, ademais de instalarse uns novos videomarcadores de grande formato (22x5 metros).

O 29 de xuño de 2017, o recinto pasou a denominarse comercialmente Estadio ABANCA-RIAZOR, tras a firma do novo acordo de patrocinio da entidade financeira.