RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Un solvente Dépor non dá opcións a Osasuna (2-0)

O Deportivo, cun gol ao comezo e outro ao final da primeira metade e un abafador dominio da posesión, desarmou ao pechacancelas Osasuna, que non tivo opción algunha de sacar algo positivo da súa visita a Riazor.

Gaizka Garitano, preparador branquiazul, repetiu once inicial por terceira xornada consecutiva. Osasuna, co ex adestrador deportivista Joaquín Caparrós no banco, saltou ao terreo de xogo de Riazor cunha defensa de cinco homes e un tupido mediocampo de catro elementos, deixando só en punta a Sergio León.

A táctica conservadora do conxunto visitante tardou só 7 minutos en saltar polo aire.

O Deportivo monopolizou a posesión e disparou por primeira vez a porta no minuto 6, tras unha boa incorporación de Fernando Navarro, que deixou o balón raso para a chegada do holandés Ryan Babel. O lanzamento do dianteiro sacouno a córner Nauzet Pérez nun alarde de reflexos. No saque de esquina, o turco Emre Çolak púxoa perfecta para que o romanés Florin Andone cabecease con contundencia ao fondo das mallas. Foi o sexto gol nas últimas seis xornadas do ariete internacional.

O conxunto navarro tratou de reaccionar con celeridade, pero despois dun frouxo disparo de Roberto Torres ás mans do polaco Przemysław Tytoń o choque volveu polos seus camiños. Os branquiazuis fixéronse co balón. Ademais, conseguiron filtralo á zona de perigo nun par de ocasións antes do ecuador do primeiro período.

Primeiro, nunha acción na que Andone se escorou en exceso e buscou un pase atrás que non atopou a ningún compañeiro. Despois, nunha fenomenal combinación colectiva en diagonal, de dereita a esquerda, cun toque de calcañar de Emre Çolak incluído, que acabou cos xogadores reclamando penalti sobre o propio xogador turco. E en última instancia, no minuto 21, nun desmarque de Babel pola esquerda, que finalizou cun duro zurdazo por alto que sacou achas da escuadra do marco osasunista.

No minuto 28, Andone cabeceou fóra un centro de Juanfran tras outra elaboradísima xogada de todo o conxunto deportivista. Cinco minutos despois, Andone marcou pero en posición de fóra de xogo, á conclusión dunha enorme galopada de Babel pola banda dereita.

O holandés foi o protagonista no tramo final do primeiro acto, ao anotar o segundo tanto deportivista. Carles Gil desbordou a Clerc no extremo dereito con dous cambios de ritmo e puxo un centro tocado e medido para a chegada de Babel, que asinou o seu cuarto gol coa camiseta do Deportivo cun suave croque.

Ao fío do descanso chegou a mellor oportunidade de Osasuna. Sidnei despexou en curto, o balón caeu aos pés de Miguel de las Cuevas, que empalmou con forza. Tytoń estirouse abaixo para rexeitar o esférico. Acto seguido, o colexiado sinalou o camiño dos vestiarios.

Tras o apagamento que atrasou o inicio da segunda metade, e que a afección coruñesa gozou como ningunha outra, o xogo renovouse excesivamente frío, co equipo pamplonica tentando loitar por meterse no partido, sen éxito. Durante o primeiro cuarto de hora do segundo período non se produciu ningunha acción de perigo en ningunha das dúas áreas, ata que Carles Gil puxo un centro pasado ao que Babel chegou co xusto. O holandés non foi capaz nin de rematar nin de deixar a pelota atrás para un compañeiro.

No minuto 70, xusto despois dunha boa ocasión para Osasuna que se foi ao traste por un resbalón de Sergio León, Emre Çolak acariñou o gol. Babel desbordou no extremo esquerdo. O seu centro ao segundo pau recolleuno Carles Gil. O valenciano cedeu o balón na interior da área para o turco, que rematou á media volta por baixo. Nauzet rexeitou o coiro e a defensa visitante afastou o perigo.

O último cuarto de partido viu a un Osasuna impotente nos seus escasos intentos por maquillar a súa imaxe e o resultado e a un Dépor que quixo ter a pelota para desgastarse o menos posible. E tívoa, en xeral, como mostra o 62 por cento de posesión contra o 38 do seu rival.

Con esta vitoria, a segunda consecutiva en Riazor, o cadro deportivista vaise ao parón do Nadal con 16 puntos en 16 xornadas, con 4 de vantaxe sobre a zona de descenso, e xa ve aos dous últimos clasificados, Selecta e o propio Osasuna, 7 e 9 puntos por baixo.

RC Deportivo: Tytoń, Juanfran, Albentosa, Sidnei, Fernando Navarro, Guilherme, Borges, Carles Gil (Bruno Gama, min. 72), Emre Çolak, Babel (Marlos Moreno, min. 90) y Andone (Joselu, min. 80).

CA Osasuna: Nauzet Pérez, Berenguer, Tano, David García, Iván Márquez, Clerc, De las Cuevas (Kenan, min. 72), Roberto Torres, Causic, Fran Mérida (Rivière, min. 46) y Sergio León.

Goles: 1-0 Andone (min. 7); 2-0 Babel (min. 42).

Árbitro: Sánchez Martínez (c. murciano). Cartón amarelo a De las Cuevas (min. 52), Juanfran (min. 66), Iván Márquez (min. 73) y Clerc (min. 79).

Incidencias: partido correspondente á 16ª xornada de LaLiga Santander disputado no Estadio de Riazor ante 22.966 espectadores.