RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

A Cidade Deportiva de Abegondo acolle o XIV Torneo Real Club Deportivo

A Cidade Deportiva de Abegondo acolle desde as 9.00 horas deste mércores 17 de maio, Día das Letras Galegas, o XIV Torneo Real Club Deportivo, que congrega nas instalacións do RC Deportivo a máis de 3.000 novos futbolistas de toda Galicia das categorías Prebenxamín e Benxamín.

Un total de 81 clubs participan no XIV Torneo Real Club Deportivo, que mantén o formato do pasado ano, cando por primeira vez superouse a cifra de 200 equipos. Novamente son un total de 206 conxuntos, con 94 en categoría Prebenjamín e 112 en categoría Benjamín.

A gran festa do fútbol galego arranca ás 9:00 horas, cun partido en cada un dos 16 terreos de xogo en que se dividiron os campos de herba natural da Cidade Deportiva de Abegondo, e a primeira fase concluirá ao redor das 16:00 horas. Ás 16:30 comezarán as eliminatorias directas en categoría Benxamín, mentres que ás 16:55 farano os enfrontamentos en categoría Prebenxamín.

A final Prebenxamín, penúltimo encontro da xornada, disputarase ás 20:00 horas. Ás 20:40 arrincará a final Benxamín, que porá o broche de ouro ao torneo, cuxa entrega de premios comezará sobre as 21:30 horas. Tanto os partidos como o acto final realizaranse no campo principal da Cidade Deportiva de Abegondo.

Do mesmo xeito que na edición do pasado ano, Televisión de Galicia ofrecerá, ao longo da fin de semana na programación da súa segunda canle, unha semifinal de cada categoría e ambas as finais.

Aquí podes consultar os horarios e campos de todos os partidos do Torneo

Espérase que polas instalacións do RC Deportivo pasen ao longo do día máis de 10.000 persoas, que ademais de gozar dunha inesquecible xornada de fútbol terán á súa disposición unha ampla área de recreo e restauración, que ocupará boa parte do terreo de xogo de herba artificial da Cidade Deportiva de Abegondo.

Os asistentes poderán elixir entre oito 'foodtrucks', nos que se poderán adquirir burritos, nachos, hamburguesas, cachorros, pizzas, pitos asados, empanada, xeados, gominolas ou zumes.

Aquí podes consultar os prezos dos servizos de restauración durante o Torneo