RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Bruno Gama e Joselu manteñen vivo o soño copeiro (2-2)

Dous goles no tramo final, obra de Bruno Gama e Joselu, este xa no tempo engadido, manteñen viva a chama deportivista na Copa do Rei, despois de que o Alavés dese un momentáneo paso de xigante ao situarse cun 0-2 a favor que sinalaba o marcador ata o minuto 72.

Gaizka Garitano, adestrador deportivista, realizou catro cambios con respecto ao equipo inicial que se mediu ao Betis en Riazor no encontro de volta da anterior eliminatoria. Sidnei deixou o seu sitio a Raúl Albentosa, Guilherme dos Santos a Celso Borges, Fayçal Fajr (concentrado coa súa selección para a próxima Copa de África) a Bruno Gama e Ryan Babel (que abandonou a disciplina branquiazul) a Emre Çolak.

Non transcorreran tres minutos de xogo deste encontro de ida dos oitavos de final do torneo copeiro cando os visitantes adiantáronse no marcador, cando Christian Santos controlou co peito na área un centro de Theo Hernández e bateu con tranquilidade a Rubén.

O Deportivo monopolizou a posesión do esférico a partir de entón, pero o seu primeiro achegamento produciuse a balón parado. Emre Çolak botou unha falta lateral que Alejandro Arribas cabeceou con claridade gañando o salto a Laguardia, pero enviou o esférico por riba do traveseiro.

Pasada a media hora, o Alavés sacudiuse o estéril dominio deportivista, cun contragolpe que acabou nun saque de esquina no que Zou Feddal empalmou un duro zurdazo que se marchou a rentes o traveseiro.

O cuarto de hora final do primeiro período continuou co mesmo guión. Control do esférico por parte dos branquiazuis pero sen xerar unha soa situación de perigo real, máis aló dalgún disparo desde lonxe ou dalgunha falta colgada á área que xerou certa incerteza na defensa vitoriana.

Xa no tempo engadido, o árbitro sinalou penalti de Pedro Mosquera sobre Marcos Llorente, que Edgar encargouse de transformar no 0-2 co que se chegaba ao tempo de lecer.

A segunda metade non cambiou para nada a actitude de ambos os conxuntos. O Dépor protagonizou longas posesións pero atacando con escasa profundidade e o Alavés esperando a ocasión de recuperar e saír velozmente ao contragolpe. As oportunidades brillaron pola súa ausencia en ambas as áreas.

Á hora de xogo, Garitano deu entrada ao fabrilista Óscar Pinchi, que substituíu a Emre Çolak e situouse como extremo esquerdo.

Mauricio Pellegrino, adestrador do Alavés, introduciu un cambio no seu equipo co que pasou a xogar cunha defensa de cinco. E xusto tras esa substitución, o Deportivo recortou distancias, nunha gran acción individual de Bruno Gama. O portugués, polo extremo dereito, desbordou ao recentemente entrado Raúl, introduciuse na área e cun forte chute raso superou a Ortolá coándolle o esférico entre as pernas.

O gol meteu o medo no corpo ao Alavés, que deu dous pasos atrás, e deu alas aos deportivistas, que acariñaron o empate no minuto 80. Foi nun centro de Bruno Gama mal despexado por Edgar, que caeu a pés de Joselu. O remate do dianteiro marchouse á dereita do marco de Ortolá.

No minuto 87, o colexiado omitiu un clamoroso penalti cometido por Ibai Gómez, que esvarou e levou por diante a Juanfran cando o lateral dereito deportivista cabeceaba un balón perdido na área.

No tempo de prolongación, Ortolá salvou un cabezazo franco de Albentosa nun saque de esquina lanzado por Bruno Gama. O porteiro alavesista despexou de novo a córner cunha man salvadora.

E no último minuto de tempo engadido, o Deportivo logrou o empate, nunha falta provocada por Óscar Pinchi. Bruno Gama pechou o seu centro desde a esquerda, Alejandro Arribas peiteou a pelota e Joselu, nun alarde de reflexos, desviouna ao fondo das mallas, tamén coa súa cabeza.

Así pois, unha eliminatoria que parecía perdida queda coas espadas en todo o alto. O desenlace da mesma producirase a próxima semana, o mércores 11 de xaneiro, ás 19:00 horas, no campo de Mendizorroza.

RC Deportivo: Rubén, Juanfran, Arribas, Albentosa, Luisinho, Pedro Mosquera, Borges (Guilherme, min. 61), Bruno Gama, Emre Çolak (Óscar Pinchi, min. 61), Marlos Moreno (Borja Valle, min. 72) e Joselu.

Deportivo Alavés: Ortolá, Kiko Femenía, Laguardia, Feddal, Theo Hernández, Marcos Llorente, Krsticic (Dani Torres, min. 88), Edgar, Camarasa (Raúl, min. 72), Katai (Ibai Gómez, min. 76) e Christian Santos.

Goles: 0-1 Christian Santos (min. 3); 0-2 Edgar (min. 45+1); 1-2 Bruno Gama (min. 73); 2-2 Joselu (min. 90+4).

Árbitro: Hernández Hernández (c. As Palmas). Cartón amarelo a Edgar (min. 54), Krsticic (min. 64), Luisinho (min. 71), Bruno Gama (min. 87) e Joselu (min. 90+3).

Incidencias: partido de ida dos oitavos de final da Copa do Rei disputado no Estadio de Riazor ante 17.963 espectadores.