RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Falece Polo, extremo dereito do Dépor entre 1955 e 1959

Polo, primeiro agachado pola esquerda, na aliñación fronte ao Jaén o 1 de maio de 1957, en partido de Primeira División

Manuel Bermúdez Arias, máis coñecido como Polo, faleceu aos 80 anos de idade. Nacido en Ferrol, o 24 de agosto de 1936, militou no Deportivo cinco campañas, da 1954-1955 á 1958-1959.

Polo, que chegou a Riazor procedente do Arsenal de Ferrol, debutou coa camiseta branquiazul o 27 de abril de 1955, en partido de desempate dos oitavos de final da Copa do Generalísimo fronte ao Alavés. O Deportivo impúxose no Santiago Bernabéu por 0-2, anotando o propio Polo o segundo tanto.

O dianteiro ferrolán, que adoitaba actuar como extremo dereito, disputou 121 encontros oficiais co Dépor (48 deles en Primeira División), nos que anotou 21 goles (10 na máxima categoría).

Ao final da Temporada 1958-1959 sería traspasado ao Atlético de Madrid, a cambio de 600.000 pesetas, converténdose na venda máis cara da historia do Club ata ese momento, superada tres anos despois coa saída de Amancio ao Real Madrid. No Manzanares xogaría sete campañas, nas que sería partícipe da conquista dunha Liga, tres Copas e unha Recopa de Europa.

Casado cunha irmá do tamén exdeportivista Botanita, tras abandonar o fútbol profesional estableceuse na Coruña, onde durante moitos anos rexentou un coñecido restaurante.

A familia deportivista quere expresar o seu máis sentido pésame a familiares e amigos. DEP.