RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Florin Andone, Xogador Estrella Galicia do Dépor en decembro

O dianteiro internacional romanés do Real Club Deportivo, Florin Andone (Joldeşti - Romanía, 11 de abril de 1993), foi elixido polos afeccionados do Dépor, por segundo mes consecutivo, como Xogador Estrella Galicia, neste caso de decembro. Este recoñecemento popular súmase ao que recibiu o pasado venres como mellor xogador de LaLiga no último mes de 2016 por diante de Leo Messi e Vitolo.

Os deportivistas elixiron a Florin Andone como o xogador máis destacado dos partidos contra Real Sociedad, Real Madrid, Osasuna e Betis (este último de Copa do Rei e no que o dianteiro non dispuxo de minutos). Antes anotara dous goles contra a Real Sociedade e un ante Osasuna, ademais do seu destacado partido no Santiago Bernabéu.

Dos máis de 6.500 votos recibidos, o ariete aglutinou máis do 56% dos apoios en Twitter e o 74% en Facebook, entre a terna de candidatos que completaban Guilherme e Ryan Babel.

Os resultados das votacións foron: Florin Andone (56% dos 6.103 votos en Twitter - Babel 25% - Guilherme 19%; e 74% dos 415 en Facebook - Guilherme 14,2% - Babel 11,8%). Entre todos os participantes sorteáronse entradas dobres para o partido de LaLiga do próximo día 3 de febreiro ante o Betis, que levan o usuario de Twitter @Monchitoo98 e a seguidora de Facebook María Suárez Torres.

Emre Çolak, setembro e outubro; e Florin Andone, novembro e decembro, son polo momento, os xogadores Estrella Galicia do Dépor no que levamos de temporada.

Tras agradecer á afección os seus votos e a Estrella Galicia o premio, o dianteiro branquiazul manifestou que "é un premio máis e estou moi contento por recibilo. Agora a seguir traballando, a seguir pelexando día a día polo ben do Deportivo, polo ben do equipo e con moitas ganas de que chegue o partido do fin de semana para que continúe a boa serie. Os trofeos son detalles, o máis importante é o equipo, pero se os recibes, benvidos son, moito mellor".