RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Máis de 700 deportivistas recibiron as insignias de ouro e prata da Temporada 2016-2017

O Hotel Meliá María Pita e o Palacio de Exposicións e Congresos da Coruña (Palexco) acolleron o pasado 15 de xuño os actos nos que se recoñeceu aos 15 socios que cumpren 50 anos de fidelidade e aos 691 que alcanzan os 25 anos.

A gala anual de entrega de Insignias de Ouro e Prata correspondentes á Temporada 2016-2017 dividiuse en dous actos, un para os socios que cumpren 50 anos de antigüidade ininterrompida no Hotel Meliá María Pita e outro para os abonados que alcanzan os 25 anos no Palacio de Exposicións e Congresos da Coruña.

O RC Deportivo, deste xeito, recoñece e agradece o apoio incondicional ao Club e ao equipo por parte destes socios, como vén facendo desde fai varios lustros.

A Gala de Entrega de Insignias de Ouro tivo lugar no Salón Hércules do Hotel Meliá María Pita. Os invitados compartiron unha comida antes de recibir a súa insignia de ouro de mans do presidente do RC Deportivo, Tino Fernández.

Marcial Ignacio Souza Porto tomou a palabra en nome de todos os homenaxeados, para rememorar anécdotas e momentos mellores e peores dos seus 50 anos como socios do RC Deportivo.

O máximo mandatario deportivista dirixiuse aos novos socios de ouro, para darlles o parabén por recibir unha insignia "que significa tanto", antes de repasar os fitos do Club na temporada recentemente finalizada.

Os homenaxeados polo seu medio século de fidelidade tamén tiveron protagonismo pola tarde-noite, xa que tamén foron convidados á Gala de Entrega de Insignias de Prata, que tivo lugar no Auditorio Gaviota do Palacio de Exposicións e Congresos da Coruña. En Palexco, os novos socios de ouro subiron ao escenario para recoller o diploma acreditativo dos seus 50 anos ininterrompidos de fidelidade ao Club e recibir o aplauso do deportivismo.

Paco Lodeiro, tamén condutor da gala de entrega de insignias de ouro, presentou o acto, no que se lembrou a través de diversos vídeos a historia do Club. Tamén se rememorou o partido ante o Betis no que, hai xustamente 25 anos, o Deportivo logrou a permanencia en Primeira no seu regreso á elite tras 18 anos de ausencia. Igualmente, lembrouse aos socios falecidos ao longo da temporada recentemente finalizada.

Juan Carlos Roca Cendán, socio 2.968, realizou un emotivo discurso, lembrando a estreita relación da súa familia, fundadora da primeira peña deportivista hai 65 anos, co RC Deportivo, do que a cuarta xeración xa é seguidora e abonada.

Posteriormente, Tino Fernández dirixiuse a todos os invitados, para lembrar aquela Temporada 1991-1992 e falar sobre diversos temas de presente e futuro.

O máximo mandatario branquiazul estableceu unha relación entre aquela permanencia fronte ao Betis e as permanencias dos últimos exercicios. "Nese abrazo e nesas palabras entre Arsenio e Martín Lasarte reflíctese a importancia que ten competir e manterse en Primeira División. A que tiña naquel momento e a que ten hoxe coa situación que temos", expuxo.

Tino Fernández tivo un aplauso para a afección, á que nos últimos anos viu moi por riba do rendemento clasificatorio do primeiro equipo. "En canta xente vai ao campo, en cantos abonados temos, na audiencia que temos en televisión ou as audiencias internacionais, somos o oitavo, sétimo ou noveno... Pero non somos o oitavo, sétimo ou noveno nin deportiva nin economicamente. Temos ese reto de igualarnos á afección", asegurou.

"O Deportivo segue sendo voso, de todos nós. Gobernado por deportivistas. E así vai seguir sendo. Iso tamén nos fai diferentes", comentou con orgullo sobre a ampliación de capital e o accionariado máis repartido do fútbol español.

O presidente deportivista tamén quixo dar valor á continuidade do equipo na máxima categoría. "Deportivamente, imos iniciar a cuarta temporada seguida en Primeira, o terceiro mellor ciclo da historia. Imos tratar de chegar a outro ciclo de nove e a outro de vinte e tentar que nunca vaiamos a Segunda. Como adoitamos dicir, Primeira para Sempre"

Tino Fernández destacou o ascenso a Segunda B do Fabril, equipo que espera sexa "un pulmón do que nutrirnos" e falou do proxecto "exemplar" do conxunto feminino, "admirado en España". "Imos tentar subir, queremos tamén ao Deportivo na primeira categoría do fútbol feminino español", engadiu.

Sobre a situación económica, o presidente lembrou que "estamos a traballar en tratar de reestruturar unha débeda moi importante que temos, que aínda está por riba dos 90 millóns de euros. Non é ningunha escusa, pero fai que este ano pagásemos 19.200.000 euros de débeda".

Para finalizar, Tino Fernández quixo ter unhas palabras de ánimo e recoñecemento para o Consello de Administración. "Os que temos a honra de dirixir o club somos como vós, somos afeccionados. Seguro que cometemos erros, pero tamén creo que tivemos acertos. O que é seguro é que traballamos con honestidade, con toda a ilusión, o mellor que sabemos, con moita intensidade e desde o deportivismo", afirmou.