RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#ANOSAHISTORIA

O CGAI acolle mañá a proxección de vídeos inéditos do Deportivo entre 1932 e 1973

O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) acollerá mañá xoves, ás 20.00 horas, a apertura do ciclo 'De portería a portería: fútbol e cinema desde Galicia e A Coruña', no que se mostrará un vídeo que recompila imaxes de dez partidos do RC Deportivo entre 1932 e 1973.

O CGAI recuperou imaxes dunha decena de partidos do Deportivo que abarcan cinco décadas. Para empezar, poderase ver a coñecida a día de hoxe como filmación máis antiga dun partido do conxunto branquiazul. Trátase dun encontro disputado no Parque de Riazor fronte ao Eiriña de Pontevedra, en 1932. Nela pódese ver en acción a históricos como Triana, Chacho ou Rodrigo García Vizoso.

No vídeo, dun vinte minutos, tamén se recollen imaxes de partidos ante San Lorenzo de Almagro (1947), Valladolid (1955, en Ourense), Atlético de Madrid e Real Madrid (1956), Barcelona (1957), Nacional de Montevideo (1958), Sporting de Lisboa (1964), Celta de Vigo (1970) e Atlético de Madrid (1973, no Vicente Calderón).

Acuña voando para deixar a cero a súa portaría ante o lendario "Ciclón de Boedo"; o Dépor medíndose a Di Stéfano, Kopa e Gento; Luis Suárez e Arsenio xuntos de branquiazul cedidos por Barça e Granada; a inauguración da iluminación artificial de Riazor; o último partido en Primeira antes da "longa noite de pedra"... Historia viva e en movemento, un impagable legado para o deportivismo.

O ciclo forma parte do Congreso Internacional "O home que quixo crear", dedicado a Wenceslao Fernández Flórez (WFF), organizado pola Fundación WFF. Esta fundación está presidida por José Luis Castro de Paz, bisneto de Félix de Paz, un dos xogadores do Deportivo no primeiro partido da súa historia, o 8 de decembro de 1906.

O propio Castro de Paz, Guillermo Escrigas (director do CGAI), Pepe Cabanas (Estrella Galicia), José Manuel Sande (concelleiro de Culturas), Rubén Ventureira (xornalista e historiador), Arsenio Iglesias e o presidente deportivista, Tino Fernández, ofrecerán as súas impresións e, tras o pase do vídeo, abrirán un debate.

A entrada é libre ata completar a capacidade da sala.