RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Dépor pon aos seus pés ao líder de LaLiga (2-1)

Un disciplinado, intenso e feroz Deportivo quedou os tres puntos ante o líder de LaLiga, o FC Barcelona, que viña de facer historia na Liga de Campións ante o Paris Saint-Germain pero mordeu o po en Riazor, que acollía o seu partido oficial número 1.500 e onde os azulgrana non coñecían o amargo sabor da derrota desde fai case nove anos.

Pepe Mel, adestrador do Deportivo, realizou cinco cambios con respecto á formación inicial do pasado mércores ante o Betis no partido aprazado no seu día polo temporal. Ás ausencias obrigadas dos sancionados Pedro Mosquera e Florin Andone e o lesionado Sidnei, substituídos por Álex Bergantiños, Joselu e Raúl Albentosa, hai que sumar as entradas de Fernando Navarro por Luisinho e de Bruno Gama por Emre Çolak.

No minuto 9 produciuse o primeiro disparo do encontro, obra do Dépor a pesar de que ata entón o Barça tiña monopolizada a posesión. Bruno Gama recuperou o esférico, conduciu cara á área azulgrana e buscou en profundidade a Joselu, que tirou o desmarque cara ao seu perfil bo. O dianteiro deportivista conectou un potente dereitazo que, con todo, saíu moi centrado, a mans de Marc-André ter Stegen.

O conxunto azulgrana non disparou a portería ata o minuto 27, cando Arda Turan colgou unha falta que cabeceou Luis Suárez a mans de Germán Lux. Á media hora, foi André Gomes o que estivo máis preto do gol, tras recortar na área e disparar buscando a escuadra contraria. O balón perdeuse pola liña de fondo.

No minuto 36, Lux tapou un pase da morte de Sergi Roberto, que se internou pola parte dereita da área deportivista tras un pase ao oco de Sergio Busquets.

E ao fío do minuto 40, Joselu dispuxo da mellor ocasión do encontro, nun remate coa zurda a centro de Fernando Navarro que sacou milagrosamente Ter Stegen. No saque de esquina posterior, ninguén foi capaz de rematar o balón de Fayçal Fajr, que quedou morto na área. Borges pelexou con Mascherano, o arxentino despexou cara atrás, o meta azulgrana non puido atrapar o balón e Joselu, chegando desde atrás, remachou cun potente zurdazo.

O Barcelona quixo responder de inmediato e gozou de dúas oportunidades un minuto despois. Na segunda, a máis clara, Gerard Piqué enganchou un dereitazo no segundo pau á saída dun córner que se marchou por moi pouco por riba do traveseiro.

Coa vitoria deportivista pola mínima chegouse ao descanso. Sen embargo, pouco durou a alegría, porque Luis Suárez anotaba o tanto do empate cando ían 58 segundos da segunda metade.

O Dépor nin moito menos descompúxose nin se veu abaixo, todo o contrario. Tras encaixar o 1-1, chegou en varias accións consecutivas á área azulgrana, a máis clara no minuto 53, nun fantástico centro de Juanfran ao que non chegou por pouco Álex Bergantiños en posición de '9'. Si chegou o coiro a Fayçal, que recortou a Denis Suárez para buscar o remate coa dereita, que desviou a córner o xogador barcelonista aínda que o colexiado sinalou saque de porta.

Recentemente superada a hora de xogo, e xa con Emre Çolak no terreo de xogo, o turco recuperou unha pelota na medular, lanzou a Bruno Gama e este contemporizou para conectar por alto co desmarque de Joselu cara ao seu perfil esquerdo. O '7' deportivista enganchou unha potente volea ao bordo da área que atrapou Ter Stegen.

O balón parado volveu ser outra vez a arma do Dépor, cando se avistaba o último cuarto de hora de encontro. Fayçal botou un saque de esquina que cabeceou picado Arribas. O bote envelenou o remate, que Ter Stegen desviou na mesma escuadra. No novo córner, esta vez lanzado por Emre Çolak, Álex Bergantiños gañou no salto a Jordi Alba e, cun novo remate picado no segundo pau, venceu a resistencia do porteiro alemán do Barcelona.

O Barça dispuxo dunha nova ocasión clara no minuto 80, cando Luis Suárez rematou en boca de gol, en posición de fóra de xogo non sinalada polo asistente, un centro por baixo desde a dereita de Sergi Roberto.

O Barcelona embotellou ao Deportivo, aínda que non chegou a xerar ningunha acción clara para marcar. Tivérona os branquiazuis, con todo, para sentenciar na penúltima acción do encontro, nun contragolpe de tres xogadores ante Ter Stegen que malogrou Fayçal estrelando o seu disparo contra o porteiro alemán.

Con esta histórica vitoria, a primeira dos branquiazuis sobre os azulgrana desde o 26 de abril de 2008 (2-0, goles de Juan Rodríguez e Pablo Amo), o Deportivo colócase con 27 puntos, por riba de Málaga e Leganés, e xa con 8 puntos de vantaxe sobre a zona de descenso, que agora mesmo marca o Granada.

RC Deportivo: Lux, Juanfran (Laure, min. 86), Arribas, Albentosa, Fernando Navarro, Borges, Álex Bergantiños, Bruno Gama (Kakuta, min. 71), Carles Gil (Emre Çolak, min. 62), Fayçal Fajr e Joselu.

FC Barcelona: Ter Stegen, Sergi Roberto, Mascherano, Piqué, Jordi Alba, Denis Suárez (Paco Alcácer, min. 77), Sergio Busquets, André Gomes (Rakitic, min. 58), Messi, Luis Suárez e Arda Turan (Iniesta, min. 58).

Goles: 1-0 Joselu (min. 40); 1-1 Luís Suárez (min. 46); 2-1 Álex Bergantiños (min. 74).

Árbitro: Fernández Borbalán (c. andaluz). Cartón amarelo a Fernando Navarro (min. 14) e Joselu (min. 36).

Incidencias: partido correspondente á 27ª xornada de LaLiga Santander disputado no Estadio de Riazor ante 28.473 espectadores.