RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Deportivo súmase a LaLiga Genuine

O RC Deportivo deu o pistoletazo de saída ao seu equipo de LaLiga Genuine, competición formada por conxuntos do colectivo DI (persoas con discapacidade intelectual), no día do arranque de LaLiga Santander 2017-2018.

Tino Fernández, presidente do RC Deportivo, e os representantes das 5 entidades colaboradoras, asinaron o convenio na Sala de Prensa do Estadio ABANCA-RIAZOR.

Ricardo Santos Rodríguez (vicepresidente da Asociación Down Coruña), Álvaro Martínez García (presidente de Aspronaga), Margarita Garrido Fernández (xerente da Fundación Adcor), Francisco Costa Varela (presidente da Asociación Aspaber) e José Antonio Díaz Vidal (vogal de Aspanaes) acompañaron ao máximo mandatario branquiazul e estamparon a súa firma no convenio de colaboración para poñer en marcha o equipo deportivista.

Como colofón a unha xornada histórica, os 24 compoñentes do equipo 'Genuine' do RC Deportivo saltaron ao céspede do Estadio ABANCA-RIAZOR no descanso do encontro fronte ao Real Madrid, correspondente á 1ª xornada de LaLiga Santander, para recibir o agarimo, o aplauso e o apoio de toda a afección branquiazul.

Estes son os xogadores que compoñen o primeiro RC Deportivo 'Genuine': Iván Bernárdez Palmero, Gabriel Cives Blanco, Sergio Díaz Rodríguez, Mª del Carmen Durán Rodríguez, Borja Eiroa Castro, José Manuel Esmorís Calvete, Senén Fernández Díaz, Ignacio García González, Alejandro Gómez Barbeito, Jesús González Escudero, Nikita Karlamov, Gabriel López No, Álvaro López Peribáñez, Iván Lorenzo Santiago, Alejandro Lugrís Mato, Samuel Martínez Ares, Anxo Martínez Barreiro, Javier Martínez Iglesias, Alejandro Pereira Sayar, Juan Agustín Torrens Martínez, Daniel Trasancos Lima, Victor Vales Ruz e Cristian Vázquez Gerpe.

O equipo adestrará na Cidade Deportiva da Torre todos os mércores ás 12.00 horas, grazas á colaboración do Concello da Coruña. O adestrador será Pablo Barros, como segundo técnico exercerá Luis Pastur e o delegado será Andrés Echevarría.

LaLiga Genuine disputarase en catro fases, que terán lugar noutros tantos fins de semana no mesmo número de sedes.

- 1ª fase: Vilarreal (do 6 ao 8 de outubro de 2017)
- 2ª fase: Tarragona (do 19 ao 21 de xaneiro de 2018)
- 3ª fase: Mallorca (do 13 ao 15 de abril de 2018)
- 4ª fase: Vigo (do 8 ao 10 de xuño de 2018)

Todos os partidos dividiranse en 4 tempos de 10 minutos cada un e o resultado final será o de períodos gañados por cada equipo e non o de goles anotados. É dicir, o marcador máis avultado que se poderá dar é o 4-0.

En LaLiga Genuine, ademais da suma de puntos polos resultados deportivos, co fin de que prime a deportividade e non a competitividade, todos os clubs contarán cada xornada cunha serie de puntos que premien o xogo limpo. Trátase dunha liga para compartir, non competir, e todas as accións que promovan o fair play serán premiadas con puntos na clasificación final.

Son 18 equipos os que tomarán parte nesta primeira edición de LaLiga Genuine. Ademáis do RC Deportivo, completan a nómina de clubs participantes Athletic Club, RCD Espanyol, Atlético de Madrid, Real Sociedad, Valencia CF, CA Osasuna, Villarreal CF, RC Celta de Vigo, UD Las Palmas, Levante UD, CF Reus Deportiu, Gimnàstic de Tarragona, RCD Mallorca (con carácter excepcional, pese ao descenso do primeiro equipo a Segunda B e debido ao seu compromiso e interese), Rayo Vallecano, Girona CF, Córdoba CF e SD Huesca.