RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O vindeiro luns arrancan os DéporCampus Cabreiroá 2017, que xa superan o milleiro de inscritos

Tras o peche de inscricións para as primeiras quendas, que arrancarán o vindeiro luns en Zas, Caranza e Abegondo, os DéporCampus Cabreiroá 2017 superaron a barreira dos 1.000 inscritos.

A primeira quenda de Abegondo e as sedes de Zas e Caranza pecharon inscricións (a data e hora límite son as 12:00 horas do xoves previo ao comezo de cada quenda) cun total de 346 nenos e nenas entre as tres sedes.

Con 14 quendas aínda abertas á inscrición, xa se superaron os 1.000 inscritos. Deste xeito, alcánzanse dous terzos dos participantes na edición 2016 (foron 1.548 nenos e nenas, deles 1.068 en Abegondo). Este ano, a sede central na Cidade Deportiva do RC Deportivo pasa de 3 a 5 semanas de actividade (a última de xuño e todo xullo), polo que a previsión é superar os 2.000 participantes.

Os DéporCampus Cabreiroá creceron de forma exponencial desde a chegada do actual consello de administración do RC Deportivo. Dun campus cunha única sede e menos dun centenar de nenos e nenas en 2013 pasouse ás actuais 11 localizacións. Este verán estréanse 4 sedes: As Pontes, Santiago, Ordes e Zas, que se suman ás xa existentes en Abegondo, Viveiro, Rianxo, Bertamiráns, Ferrol, Monforte e Xenebra (Suíza).

O RC Deportivo organiza esta actividade dirixida polos técnicos do Club co obxectivo de transmitir habilidades e conceptos futbolísticos, ademais dos valores que representa o Dépor: respecto, solidariedade, amizade, xogo limpo, integración, esforzo e felicidade.

Máis aló das actividades, o equipamento deportivo (composto de camiseta, pantalón e medias), a froita e o zume diarios, o diploma final, a visita dun dos xogadores do primeiro cadro deportivista (sempre dentro das posibilidades do calendario do equipo) e un sorteo final de agasallos, son outros dos atractivos dos DéporCampus Cabreiroá, que teñen un horario de mañá de 10:00 a 14:00 horas.

En todos os casos, os accionistas e socios do RC Deportivo gozan dun desconto, igual que as familias con máis dun membro en paro ou as que inscriban máis dun fillo, ademais das que cada Club coorganizador determine en cada caso.

Desde esta edición 2017, toda a xestión dos DéporCampus Cabreiroá realízase a través da nova páxina da actividade: deporcampus.rcdeportivo.es/gl. Nela pódese atopar toda a información común a todos os DéporCampus Cabreiroá e específica de cada unha das sedes.