RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Pepe Mel: "Este vestiario ten a ilusión de facer as cousas ben"

Pepe Mel desvelou que haberá polo menos tres cambios no once inicial do Deportivo mañá sábado ás 18:30 horas no Estadio Benito Villamarín ante o Real Betis (Bein LaLiga). Remitiuse ás ausencias na convocatoria de tres futbolistas que ante a Real Sociedad o pasado domingo foron titulares: Pedro Mosquera, Bruno Gama e Sidnei.

Preguntado pola ausencia do central brasileiro, Pepe Mel indica que "agora mesmo non está na súa mellor versión. O temos que recuperar. Temos que facer un traballo con el en todos os aspectos para que renda o nivel que pode dar. Sidnei ao cento por cento, Sidnei xogando como pode, co potencial que ten, fainos ser mellores. Non soamente el, senón todos os demais".

Afirmou, a pouco máis de 24 horas do cuarto partido ligueiro, que "o Deportivo está para competir ao nivel dos demais fisicamente, coas cualidades individuais que temos. Sabendo axuntalas para que o equipo estea mellor".

Insiste en que "eu confío en poñer sempre á xente que ten máis gol, xente que é capaz de facer cousas de centro do campo para adiante. Logo temos que formar un equipo con todos eles xuntos para ser compactos. Quizais onde temos a materia pendente. Temos xente como Fede Cartabia, Lucas, Andone, Adrián que son capaces de chegar a gol e facer gol. Temos que ser capaces de ter un equipo que en tres xornadas non encaixe nove goles".

Destaca que "o vestiario que temos aquí é un vestiario que ten a ilusión de facer as cousas ben. Eles tamén saben que niso vai o seu orgullo profesional, os seus contratos, o seu futuro próximo. Temos que centrarnos no Betis, en xogar, no balón".

Afronta Pepe Mel unha semana de tres partidos (Betis mañá 16, Alavés o mércores 20 no Estadio ABANCA-RIAZOR e Espanyol o domingo 24) "pensando no primeiro, porque é o que nos dá vida. Pensando no primeiro desde os resultados de atrás. Se fixésemos nove de nove, seguramente as decisións serían diferentes. Pero como fixemos só un de nove, pensamos nada máis no seguinte. É o partido que nos dá ou nos quita para empezar a semana".

A visita ao Benito Villamarín de Sevilla, para o adestrador do Dépor, "non é un partido calquera. Sería absurdo. É un partido moi especial para min. Estiven alí moitos anos. É a primeira vez que volvo despois de estar seis anos como adestrador. Fixen cousas boas, vivín cousas malas tamén. O ambiente, os ruídos, o son é coñecido pero con sensacións estrañas, porque son en contra do meu equipo. Márcao o feito de ter moitos, moitos, moitos amigos e que todos queren que eu perda".

Do Betis opina que "ten unha idea definida de xogo. Está montado do verán para chegar o máis arriba posible. Un equipo que ten sempre historicamente a débeda de que a súa afección está por diante. Un equipo que necesita dunha vez por todas meterse arriba e estar na loita da xente de arriba. Por orzamento e por gasto o Betis pode facelo".