RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
ACTUALIDADE

Reunión informativa cos pais dos xogadores do RC Deportivo de LaLiga Genuine

A Cidade Deportiva de Abegondo acolleu onte luns 18 de setembro unha reunión cos pais dos compoñentes do equipo co que o RC Deportivo participará na primeira edición de LaLiga Genuine.

Pablo Barros, que exercerá de adestrador do devandito conxunto, explicou aos pais dos xogadores o funcionamento do campionato. Na reunión, de carácter meramente informativo, fíxose fincapé en que o principal obxectivo de LaLiga Genuine é formar e que os futbolistas gocen da experiencia.

Os responsables do equipo do RC Deportivo trataron diversos temas, como as convocatorias, as sedes de cada xornada, o sistema de competición e a normativa de desprazamentos.

O RC Deportivo é un dos 18 clubs que se suma a LaLiga Genuine, competición formada por conxuntos do colectivo DI (persoas con discapacidade intelectual).

Asociación Down Coruña, Aspronaga, Fundación Adcor, Asociación Aspaber e Aspanaes colaboran co RC Deportivo para facer realidade este proxecto.

Estes son os xogadores que compoñen o RC Deportivo para LaLiga Genuine 2017-2018: Iván Bernárdez Palmero, Gabriel Cives Blanco, Sergio Díaz Rodríguez, Mª del Carmen Durán Rodríguez, Borja Eiroa Castro, José Manuel Esmorís Calvete, Senén Fernández Díaz, Ignacio García González, Alejandro Gómez Barbeito, Jesús González Escudero, Nikita Karlamov, Gabriel López No, Álvaro López Peribáñez, Iván Lorenzo Santiago, Alejandro Lugrís Mato, Samuel Martínez Ares, Anxo Martínez Barreiro, Javier Martínez Iglesias, Alejandro Pereira Sayar, Juan Agustín Torrens Martínez, Daniel Trasancos Lima, Victor Vales Ruz e Cristian Vázquez Gerpe.

O equipo adestrará na Cidade Deportiva da Torre todos os mércores ás 12:00 horas, grazas á colaboración do Concello da Coruña. O adestrador será Pablo Barros, como segundo técnico exercerá Luís Pastur e o delegado será Andrés Echevarría.

LaLiga Genuine disputarase en catro fases, que terán lugar noutros tantos fins de semana no mesmo número de sedes.

- 1ª fase: Vilarreal (do 6 ao 8 de outubro de 2017)
- 2ª fase: Tarragona (do 19 ao 21 de xaneiro de 2018)
- 3ª fase: Mallorca (do 13 ao 15 de abril de 2018)
- 4ª fase: Vigo (do 8 ao 10 de xuño de 2018)

Todos os partidos dividiranse en 4 tempos de 10 minutos cada un e o resultado final será o de períodos gañados por cada equipo e non o de goles anotados. É dicir, o marcador máis avultado que se poderá dar é o 4-0.

En LaLiga Genuine, ademais da suma de puntos polos resultados deportivos, co fin de que prime a deportividade e non a competitividade, todos os clubs contarán cada xornada cunha serie de puntos que premien o xogo limpo. Trátase dunha liga para compartir, non competir, e todas as accións que promovan o fair play serán premiadas con puntos na clasificación final.

Son 18 equipos os que tomarán parte nesta primeira edición de LaLiga Genuine. Ademais do RC Deportivo, completan a nómina de clubs participantes Athletic Club, RCD Espanyol, Atlético de Madrid, Real Sociedad, Valencia CF, CA Osasuna, Villarreal CF, RC Celta de Vigo, UD Las Palmas, Levante UD, CF Reus Deportiu, Gimnàstic de Tarragona, RCD Mallorca (con carácter excepcional, malia o descenso do primeiro equipo a Segunda B e debido ao seu compromiso e interese), Rayo Vallecano, Girona CF, Córdoba CF e SD Huesca.