RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Tino Fernández destaca a "tradición" que reúne o Teresa Herrera na súa LXXII edición

Tino Fernández, presidente do RC Deportivo, destacou no acto de recepción aos participantes no Trofeo Teresa Herrera por parte do Concello da Coruña a "tradición" que reúne esta LXXII edición, coa participación de dous equipos históricos como o West Bromwich Albion e o Athletic Club.

Xunto ao máximo mandatario branquiazul, participaron na benvida o Alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro; o Concelleiro de Culturas, José Manuel Sande; a secretaria xeral de Deportes da Xunta de Galicia, Marta Míguez; o directivo do West Bromwich Albion Martin Goodman; o directivo do Athletic Club, Jokin Gárate; o vicepresidente da Federación Galega de Fútbol, Juan Luís Villamisar; e o presidente da AFAC, Manuel Vázquez.

O presidente deportivista repasou os nomes de clubs ("por exemplo, 14 dos 22 gañadores da Liga de Campións") e xogadores ("16 Balóns de Ouro e 80 campións do Mundo") máis importantes que pasaron polo Teresa Herrera desde 1946, antes de destacar a "honra e responsabilidade" que supón ser "anfitrión e partícipe de tan anella, popular e prestixiosa festa".

"O West Bromwich Albion, que xa coñece a excelencia do noso torneo pois xa o disputou en 1979, está a piques de cumprir 140 anos de existencia. Foi fundado en 1878 e dez anos despois foi un dos 12 clubs fundadores do que hoxe é a Premier League inglesa. A próxima temporada xogará por 80º ano na máxima categoría do fútbol inglés. Un auténtico clásico, pura tradición", apuntou o dirixente branquiazul.

Tino Fernández quixo "presumir" de organizar "un dos torneos estivais de fútbol feminino con mellor cartel", coa participación do Athletic Club, "o equipo que máis veces se proclamou campión de Liga".

O máximo mandatario deportivista puxo en valor a un torneo que vai camiño das Vodas de Platino. "É orgullo da nosa cidade, como a Torre de Hércules que o simboliza, que preside este acto e que vencedores e vencidos levan de recordo para sempre", finalizou.

Os representantes de todas as entidades intercambiaron recordos e dirixíronse ao Hotel Attica 21 para a tradicional comida coas autoridades e os medios de comunicación.