RCD / RCDEPORTIVO / HISTORIA / ANOS 30

CHACHO, ACUÑA E A GUERRA CIVIL

O Deportivo mantivo o tipo na Liga de Segunda División. Sétimo, noveno, sexto, quinto, novamente sétimo... Aínda que en ningunha temporada foi capaz de relacionarse cos mellores, sempre evitou o descenso a Terceira.

En 1931 e 1933, o Club coruñés voltou a se proclamar campión de Galicia, mais a súa maior xesta produciuse na Copa de España de 1932, na que eliminou o Real Madrid, despois de que o equipo branco se proclamase campión de Primeira División sen coñecer a derrota. Con todo, na seguinte eliminatoria, os cuartos de final, foi eliminado polo Espanyol de Barcelona.

Despois de tres anos de seca, dos que dous deles o equipo deportivista disputou con escaso éxito o Campionato Galaico-Astur, o Campionato de Galicia voltaba a brillar nas vitrinas coruñesas en 1937, xa en plena Guerra Civil. O RC Deportivo tamén lograría un novo subcampeonato dous anos máis tarde, en 1939, tras un cuádruplo enfrontamento ante o Racing de Ferrol.

Nesta década xurdiron da canteira coruñesa dous futbolistas lendarios: Chacho e Juan Acuña. Eduardo González Valiño foi o primeiro futbolista nado na Coruña que xogou unha Copa do Mundo, no 1934. O gardameta, alcumado "Xanetas", debutaría co xersei branquiazul nun dos numerosos partidos amigables celebrados durante a Guerra Civil, en marzo do 38, en Ferrol ante o Racing.