RCD / RCDEPORTIVO / HISTORIA / ANOS 20

GALICIA É BRANQUIAZUL

O éxito da selección española na Olimpíada de Anveres, en 1920, serviu para darlle maior auxe ao deporte do fútbol e, en definitiva, acabou na profesionalización do balompé nacional. Así, para poder facer rendibles as fichaxes, pensouse en crear un Campionato Nacional de Liga que superase en interese para os afeccionados os campionatos rexionais.

Polas filas deportivistas pasaron xogadores de primeira liña a nivel nacional, como o olímpico Luís Otero, o goleador Ramón González ou o centrocampista Manuel Rivera. E polo Parque de Riazor pasou a Selección de Uruguai. Un mes antes de proclamarse campioa olímpica en París, só foi capaz de derrotar pola mínima o Dépor en senllos encontros amigables. Tamén en 1924, o 9 de novembro, Riazor viviu o primeiro Deportivo-Celta da historia, con vitoria coruñesa por 3-0.

O fútbol foi callando na cidade e o Deportivo competiu en numerosos encontros amigables dentro e fóra de Galicia. O Club logrou por fin o seu primeiro título galego en 1927, despois de se proclamar subcampión nas dúas edicións precedentes. En 1928 repetiu coroa rexional e en 1930 voltou a conseguir a segunda posición.

Un ano antes, en 1929, nacía a Liga Española e o RC Deportivo, ao ser eliminado polo Sevilla no torneo previo que concedía o décimo pasaporte á Primeira División, ficaba integrado na Segunda, xunto ao propio Sevilla, Alavés, Celta, Valencia, Betis, Iberia de Zaragoza, Oviedo, Gijón e Racing de Madrid. O primeiro partido ligueiro disputouno o 19 de febreiro de 1929, con derrota no campo de Mendizorroza ante o Alavés. O Dépor acabou a temporada na oitava posición, co que evitou o descenso a Terceira.