RCD / RCDEPORTIVO / HISTORIA / PRESENTE

REINVENCIÓN COA CORDA NO PESCOZO

Se a década anterior arrincou co Dépor no cume, o segundo decenio do Século XXI deu inicio con más novas. Un aciago curso desde o seu arranque concluíu co Club coruñés, vinte anos despois, en Segunda División. A pesar de manter unha certa distancia coa zona de descenso con só cinco xornadas por disputar, unha combinación de resultados positivos de diversos rivais directos con varios reveses branquiazuis, incluída unha derrota fronte ao Valencia en Riazor na última xornada, enviaron ao pozo o equipo que dirixía Miguel Ángel Lotina cun dubidoso récord, o do descenso con máis puntos na historia da Primeira División: 43.

A afección coruñesa foi vital para devolver con prontitude o seu equipo á elite. Alcanzáronse os 25.000 socios, cifra récord desde os anos en que o equipo disputaba a Liga de Campións. A maior parte dos pesos pesados do cadro de xogadores quedaron na Coruña para axudar a recuperar a categoría. Baixo a dirección de José Luis Oltra, ao Dépor custoulle arrincar nos primeiros meses de competición. Con todo, acabou batendo o récord de puntos da Segunda División (91) e asinando a mellor serie de vitorias consecutivas da historia do Club (7).

O regreso foi efémero. Outro exercicio cun equipo practicamente novo na súa totalidade finalizou cun novo descenso a Segunda, selado con outro tropezo en Riazor na última xornada, nesta oportunidade ante a Real Sociedad. Lonxe dos terreos de xogo, o Club viviu os seus días máis complicados. O descenso administrativo a Segunda B e a posible desaparición do Club evitáronse sobre a hora límite, as 23.59 horas do 31 de xullo de 2013.