RCD / RCDEPORTIVO / HISTORIA / ANOS 80

UNHA DECEPCIÓN TRAS OUTRA

Durante os anos 80 mantívose a incerteza na obsesión por recuperar a categoría perdida en 1973 e voltar canto antes á Primeira División. Con todo, as decepcións sucedíanse, e canto máis cerca se situaba o obxectivo, maior era a frustración de non chegar a el. O RC Deportivo non tiña termo medio durante aqueles anos: ou loitaba por ascender a Primeira ou o facía por non baixar a Segunda B.

Na Temporada 1982-1983, Riazor viviu unha das súas tardes máis funestas coa derrota ante o Raio na última xornada, cando un empate era suficiente para ascender á división de honra. O drama repetiuse no curso 1985-1986, cando unha polémica derrota ante o Oviedo na penúltima xornada, nun Carlos Tartiere abarrotado de seguidores coruñeses, impediu que o equipo dependese de si mesmo no último partido para retornar á elite.

Tampouco saíron ben as cousas na campaña 1986-87. O RC Deportivo acabou a liga en posición de ascenso directo. Con todo, aquel ano modificouse o sistema de competición, acrecentando uns "play-offs", en que o conxunto herculino se veu abaixo, sobre todo por mor doutro polémico encontro. O Celta gañou en Riazor mercé a unha falta producida claramente fóra da área que o árbitro converteu en penalti. O Dépor entrou en barrena e nas dúas últimas xornadas só puido sumar un punto. De sumar os catro, tería ascendido.

A frustración foi tal que ao ano seguinte todo saíu mal desde o principio. O RC Deportivo caeu a posicións de descenso na 18ª xornada, para chegar ao partido final con mínimas opcións de salvación. Aquel día, un gol de Vicente Celeiro ante o Racing de Santander co tempo regulamentario cumprido, unido ao triunfo do Xerez ante o Bilbao Athletic, valeron unha permanencia sobre a que cimentar un proxecto de futuro, pois o descenso, unido aos 500 millóns de débeda, suporía a máis que segura desaparición do Club.

Tras esta sucesión de decepcións, renovouse por completo a directiva do Club co obxectivo de sanealo economicamente e conseguir a estabilidade deportiva. Unha histórica asemblea, de carácter aberto e popular, que se celebrou en xuño de 1988 no Colexio dos Salesianos, finalizou con Augusto César Lendoiro como novo presidente.

Na Temporada 1988-1989 realizouse unha grande campaña na Copa do Rei, alcanzando por primeira vez as semifinais do torneo e acariñando a final e o billete para a Recopa de Europa, perdidos na prórroga do partido de volta en Valladolid. Na Liga as cousas non foron tan ben. O ascenso debeu esperar. O mesmo que un ano máis tarde, cando o regreso á máxima categoría se esfumou por un só gol na Promoción ante o Tenerife.