RCD / RCDEPORTIVO / SECCIÓNS / ATLETISMO

ATLETISMO: TRES OLÍMPICOS, UN CAMPIÓN DE EUROPA E 46 TÍTULOS NACIONAIS

A sección máis lonxeva e triunfal, durante case medio século rivaliza co Celta de Vigo, o Universitario de Santiago e a Gimnástica de Pontevedra pola supremacía galega e mesmo chega a relacionarse cos mellores clubes a nivel nacional, ademais de contar con decenas de campións de España ao aire libre, un campión de Europa indoor e varios atletas olímpicos.

Tres atletas participan nos Xogos Olímpicos pertencendo ao RC Deportivo. O primeiro deles é Manuel Gayoso, que en Múnic'72 está a piques de alcanzar a final dos 800 metros, toda unha xesta nunha época na que poucos deportistas españois podían presumir de alcanzar tal logro. Oito anos despois, en Moscova, Isidoro Hornillos participa tanto nos 400 metros lisos como nas remudas 4x400. En Los Ángeles'84, Colomán Trabado corre os 800 metros lisos.

Precisamente, o berciano acumula o palmarés máis brillante da historia do atletismo deportivista. Branquiazul entre 1981 e 1984, nese lapso acumula éxitos a nivel internacional, como o título europeo indoor de 800 metros en 1983, un ano despois de ser medallista de bronce, ou o terceiro posto nesa mesma proba nos Xogos Mediterráneos, tamén en 1983. Aquel ano igualmente acariña a final dos Mundiais ao aire libre de Helsinqui, finalizando no 14º posto.

Como deportivista, Trabado conquista catro títulos nacionais ao aire libre (3 en 800 e 1 en 1.500), pero a plusmarca branquiazul osténtaa o pioneiro, Moncho Rodríguez. O primeiro campión de España que ten o RC Deportivo é tamén o home-récord, con seis coroas. Rodríguez asina o dobrete 200-400 metros lisos en 1944, 1946 e 1947.

Entre Trabado e Rodríguez logran 10 das 35 medallas de ouro branquiazuis en Campionatos de España ao aire libre. Eduardo Toba (1 en triplo), Jorge Doncel (1 en 400), Julio Castro (1 en 800 e 1 en 1.500), Lorenzo Martínez (2 en martelo), Bernardino Adarraga (3 en décatlon), Fernando Bremón (1 en 200 e 2 en 400), Miguel Abalo (1 en 400 valados), José María Guillén (1 en triplo), Pedro Arteaga (1 en 400), José Otero (3 en martelo) e Isidoro Hornillos (1 en 400), en categoría masculina, e Nela Souto (1 en 100 e 1 en 200), Marian Moinelo (1 en lonxitude) e Ángeles Barreiro (3 en disco), en categoría feminina, completan a lista.

Souto, ademais, forma parte da primeira selección española feminina, en 1964, nun encontro internacional fronte a Portugal en Lisboa. Outro dos nomes propios entre as mulleres é o de María José Martínez Patiño. A vallista coruñesa é a única deportivista que participa nuns Campionatos do Mundo ao aire libre. Faino en Helsinqui'83, onde mesmo supera a primeira rolda dos 100 metros valados.

Tamén consegue brillar o RC Deportivo na pista cuberta, onde logra 11 títulos nacionais: Jorge Zapata (60 metros valados en 1974 e 1976), Saturnino Rodríguez Risco (lonxitude en 1975 e 1976), Isidoro Hornillos (400 metros en 1979 e 200 metros en 1982), Colomán Trabado (800 metros en 1981, 1982 e 1983) e Miguel Ángel Prieto (5.000 metros marcha en 1986), ademais do único logrado en categoría feminina por María José Martínez Patiño (60 metros lisos en 1982).

O último éxito maior do atletismo branquiazul chega en 1986, cando Miguel Ángel Prieto cólgase a medalla de bronce nos 20 quilómetros marcha dos Europeos de Stuttgart. A delegación española soamente logra dúas medallas máis naqueles campionatos, o ouro de Mari Cruz Díaz nos 10 quilómetros marcha e o bronce de Carlos Sala nos 110 metros valados.

Moitos anos antes, o decatleta Bernardino Adarraga pertence ao RC Deportivo cando se converte no primeiro atleta español en gañar unha medalla de ouro internacional, ao impoñerse na proba dos 'homes 10' nos Xogos Mediterráneos de Barcelona en 1955.

Tamén en probas de cros sobresaen atletas do RC Deportivo, o máis destacado Ramón Tasende, que é seleccionado para participar con España nos Mundiais da especialidade en 1968 e 1969.

Na Liga Nacional de Clubs Masculinos, o equipo branquiazul chega a militar en Primeira División durante seis temporadas: 1980, 1981, 1982, 1983, 1985 e 1986. O histórico primeiro ascenso conségueo o 6 de maio de 1979, nas pistas do INEF en Madrid, ao impoñerse ao Club Gimnástico Barcelonés e á AD Marathón. Na final, o 3 de xuño de 1979, ao superar ao CAU Oviedo e ao DAR Valladolid na capital asturiana, o RC Deportivo logra o título de Segunda División por un só punto de diferenza: 136 dos branquiazuis por 135 dos ovetenses. En 1984, os branquiazuis repetirían coroa de Segunda División.

A nivel rexional, o RC Deportivo logra 20 campionatos galegos por equipos ao aire libre, 13 conquistados polo conxunto masculino (1947, 1948, 1949, 1950, 1952, 1953, 1957, 1958, 1978, 1980, 1982, 1985 e 1986) e 7 polo feminino (1970, 1973, 1974, 1976, 1980, 1981 e 1983). En total, os atletas branquiazuis cólganse 342 medallas de ouro (243 en mozos e 99 en mozas). A mellor colleita nunha soa edición prodúcese en 1981, con 19 ouros (10 en homes e 9 en mulleres), a pesar do cal o conxunto masculino non conquista o título por equipos, algo que si alcanza a formación feminina.

A precaria situación económica obriga á nova Xunta Directiva, en 1988, a envorcarse co primeiro equipo de fútbol para salvar o Club. Ademais de disolver as categorías inferiores e unicamente manter ao Fabril e os Xuvenís, o RC Deportivo pon fin a 46 anos de atletismo. Tres atletas visten por última vez de branquiazul o 1 de outubro de 1988, nunhas probas celebradas no Estadio de Riazor.