RCD / RCDEPORTIVO / SECCIÓNS / H. PATÍNS

HÓCKEY A PATÍNS: PIONEIROS EN GALICIA E CINCO VECES CAMPIÓNS REXIONAIS

O 2 de maio de 1942, o RC Deportivo comeza a escribir a historia deste deporte na cidade e en Galicia. O equipo branquiazul mídese ao Sporting Club Casino no Leirón, no que é o primeiro partido desta disciplina disputado en territorio galego. Defenden a camiseta do RC Deportivo Jorge Doncel, Toni López, Waldo Mourelo, Fernando Solórzano, Luis Baamonde e o introductor deste deporte na nosa terra, o catalán José María Sastre. Os deportivistas impóñense á formación anfitrioa por 7-6 nun partido xogado cun disco ao estilo do hóckey sobre xeo e non coa tradicional bóla.

Sastre atópase na cidade cumprindo o servizo militar. Na Coruña traba unha firme amizade con Vicente Cucarella, entón director técnico das seccións do RC Deportivo. Entre os dous poñen a primeira pedra do que, tres cuartos de século despois, é un dos deportes con maior implantación e máis practicados na capital herculina.

En 1944, o RC Deportivo logra o primeiro dos seus cinco títulos de Campión de Galicia, que lle dá dereito a participar na primeira edición da Copa de España, sendo o primeiro Club galego que obtén tal distinción. Nos cuartos de final, no primeiro partido da historia do torneo, os branquiazuis quedan eliminados ante o Patín Club de Barcelona (11-0). Aquel 8 de xuño saltan á pista do complexo barcelonés Piscinas y Deportes: Amaro Rivero, Manuel Ponte, Fernando Solórzano, Toni López e Waldo Mourelo, con Roberto González e Eladio Rodríguez como suplentes. Na fase de consolación, os deportivistas caen ante o CN Palma (11-5), o que os sitúa na sétima praza final.

O RC Deportivo repite título en 1945, e por iso tamén compite na Copa de España. Á segunda chega a primeira vitoria, nos cuartos de final ante a Atlético Aviación, nunha eliminatoria a dobre volta. Os branquiazuis triunfan por 4-5 en Madrid e por 7-3 na Coruña, nun partido disputado na Rotonda de Riazor. Con todo, os coruñeses renuncian a desprazarse a Reus para xogar a fase final.

Tras oito anos de seca, en 1953 chega un novo título galego. Forman o equipo Germán Novo, José Fontenla, Gutiérrez, José González, Julio Ramón Morán e os polivalentes Fernando Bremón e Antonio González.

A mala serie alóngase por outros catorce anos, ata 1967, cun triunfo no Campionato de Galicia que lle clasifica por primeira vez para a Liga Nacional. No torneo disputado en Terrassa e Barcelona, entre o 13 e o 16 de abril, perde ante o Mataró (12-2) e ante o Sagrada Familia de Terrassa (4-0), empata co Pilaristas (2-2) e vence ao Cervezas San Miguel de Valencia (4-1), o que lle vale para acadar a sétima posición. O Deportivo acode á cita con Julio Sáenz e Luis 'Gigi' Rivero (porteiros), José Luis Abeledo, Pico Ferrer, Miki Mourelo, Lito Menéndez, Lolo Cenamor, Nené Barreiro e Fernando Martínez Morás. Venancio Parga é o adestrador, axudado en varios encontros por un antigo campión do mundo, Antonio Parella.

En 1969, o RC Deportivo conquista o seu último cetro rexional. O 26 de xaneiro, na pista do albergue de Gandarío, os branquiazuis impóñense ao Dominicos (3-0), co que chegan a esa última xornada empatados a puntos. O equipo fórmano Constantino Rábade e Miguel Ángel Suárez Tato (porteiros), Lolo Cenamor, Miki Mourelo, Carlos Ponte, José Luis Abeledo, Manuel Sánchez e Manuel Alonso Noval.

A estrutura de hóquei do RC Deportivo pasa a formar parte do Club Unión Sportiva, que tamén preside o máximo dirixente deportivista, Antonio González, entre 1969 e 1972. Na Temporada 1972-1973 regresa a actividade, que coa marcha do presidente volve deterse por espazo de dous exercicios (1973-1974 e 1974-1975), ata que se recupera na campaña 1975-1976.

Na Temporada 1977-1978, o RC Deportivo proclámase campión de Segunda División, o que lle dá a posibilidade de disputar a fase final da categoría, co ascenso a Primeira División (segundo nivel nacional) en xogo. Os deportivistas xogan o torneo disputado entre o 8 e o 11 de xuño en Sant Sadurní d'Anoia e logran a cuarta posición, que en principio válelles para xogarse a praza na categoría fronte ao RCD Espanyol. Con todo, a reestruturación da categoría en varios grupos zonais que decide a Federación Española de Patinaxe fai innecesaria a disputa da promoción. O Dépor volve ser de Primeira División.

Os branquiazuis, na campaña 1978-1979, son testemuña directa do primeiro ascenso dun equipo galego a División de Honra. O 17 de marzo de 1979, o Liceo bate ao RC Deportivo por 9-5 na Polideportiva de Riazor, resultado co que os verdibrancos promocionan matematicamente. O Deportivo xoga con Dagoberto Moll Jr. (Alberto Galmán), Juan Carlos Carrera, Javier Lago, Fidel Cortijo, Diego Lazo 'Pikolo', Raúl Elícegui e Pancho Amado.

Dúas semanas despois, o 31 de marzo, o Deportivo xoga o seu último encontro oficial, correspondente á 30ª xornada do Grupo I da Primeira División Nacional. Os deportivistas impóñense ao Ingenieros de Bilbao (5-2), con goles de Fidel Cortijo (2), Javier Lago, Diego Lazo 'Pikolo' e Raúl Elícegui.

Tamén as categorías inferiores suman logros para o hóckey rodado branquiazul. En 1963 e 1965, os Xuvenís conquistan o cetro rexional e participan no Campionato de España en ambas as ocasións.

Ao longo do case catro décadas de vida da sección de hóckey a patíns, nas filas deportivistas militaron xogadores que máis tarde actuaron ou dirixiron na División de Honra española co Liceo ou o Dominicos, como Luis Togores, José Manuel Campos, Luis 'Gigi' Rivero, Alberto Galmán ou Diego Lazo 'Pikolo'.