RCD / RCDEPORTIVO / SECCIÓNS / NATACIÓN

NATACIÓN: UNHA SECCIÓN EFÉMERA UNIDA Á SOLANA

O debut do equipo de natación do RC Deportivo prodúcese nunhas probas na piscina da Solana, o 18 de xullo de 1942. José María García Abella logra a segunda posición nos 100 metros libre para debutantes e Julio Bao é terceiro nos 60 metros libre. Helios Rivero, Emilio Carricarte e Tito Bermúdez participan nos 100 metros braza para debutantes.

Os días 29 e 30 de agosto, La Solana acolle os Campionatos de Galicia, nos que o RC Deportivo consegue un título, nos 100 metros braza de categoría infantil, por medio de Eduardo Novás, cun tempo de 1:25.8. En categoría absoluta, Federico Suárez consegue a segunda posición nos 100 metros costas e Enrique Malvís idéntico resultado nos 200 metros braza. Na clasificación por equipos, os branquiazuis son terceiros por detrás do Club Natación Coruña e o Club Marítimo de Vigo e por diante do Club do Mar de San Amaro.

No mes de setembro daquel mesmo ano, os nadadores deportivistas participan nunha competición local organizada polo Real Club Náutico da Coruña, tamén na piscina da Solana. Os deportivistas levan a vitoria, ao sumar 87,5 puntos polos 86,5 do club organizador.

A existencia dunha única piscina na Coruña, a da Solana (primeira de Galicia e única durante moitos anos, inaugurada oficialmente o 17 de xullo de 1942), a formación doutros clubs na cidade e a presenza de moi poucos a nivel rexional, co cal non se organizaban suficientes competicións, limitaron o tempo de vida do equipo de natación deportivista.

Precisamente un dos socios de Armando Casteleiro, ex nadador e impulsor da construción da devandita piscina, é Aurelio Ruenes, o presidente do RC Deportivo que en 1942 dá o visto e prace á creación das seccións deportivas.

Entre os compoñentes desta efémera sección deportivista atopábase Manuel Acuña, irmán dunha das grandes lendas do equipo de fútbol, o gardameta Juan Acuña.