RCD / RCDEPORTIVO / SECCIÓNS / TENIS

TENIS: PROXECTO INICIAL, PROXECTO FUGAZ

O equipo de tenis do RC Deportivo estréase coa disputa do I Trofeo Arcadio Vilela, nas pistas do Sporting Club Casino. O campionato é un triangular entre os branquiazuis, os anfitrións e o Club Tenis Ferrol, os días 28, 29 e 30 de xullo de 1942. Compoñen o equipo Ventura Gabarain, Bernardo Barreiro, Enrique Guyatt, Pedro Rey e Antonio García, que no primeiro emparellamento impóñense por 3-2 aos ferroláns. Gabarain vence 6-1 e 6-3 ao departamental Antonio Vázquez de Parga no primeiro partido da historia da sección de tenis.

Despois de que o SC Casino derrote ao CT Ferrol na segunda xornada, na terceira dispútanse o título os dous conxuntos coruñeses. O triunfo é, por 3-1, para os anfitrións, que levan a copa en litixio.

Nos campionatos rexionais dese mesmo ano, celebrados no Club de Campo de Vigo e que cumprían a súa terceira edición, ningún dos represantes deportivistas alcanza as roldas finais, nunhas probas dominadas polo club anfitrión, vencedor en individual e dobres.

O equipo tarda pouco en desmembrarse. Algún dos protagonistas daqueles históricos partidos convértese en impulsor doutras sociedades, como é o caso de Barreiro, socio-fundador, en 1957, da SD Hípica.