RCD / RCDEPORTIVO / TORNEOS / JUAN ACUÑA

TROFEO JUAN ACUÑA

O RC Deportivo en particular e o mundo do deporte en xeral renderon durante dúas décadas unha homenaxe a Juan Acuña cun trofeo de verán instaurado na súa honra.

Juan Acuña, o mítico "Xanetas", é recoñecido aínda hoxe como o mellor porteiro da Historia do Deportivo, un dos mellores de España e polo tanto de Europa e do mundo. Un gardarredes que aos 16 anos se gañou a titularidade e que ao pouco tempo xa se converteu para os mellores dianteiros da liga española no porteiro máis difícil de bater.

Basilio, Zarra, Araujo, Martín, Campanal e moitos outros sabían que "Xanetas" nas súas boas tardes era imbatible. O temperamento do mismísimo Chacho chegaba ao paroxismo cando nos propios adestramentos do Deportivo se desesperaba con Acuña e preguntáballe aquilo de "pero como puideches parar ese tiro se era imparable?", mentres Xanetas ría.

Juan Acuña converteuse no mellor gardarredes da súa época. O mesmo que lle deu ao Deportivo catro trofeos Zamora, que ben puideron ser denominados trofeos Acuña xa que, foi o histórico gardameta do Español quen persoalmente chegou a proclamar de forma pública a "Juanito" como o seu herdeiro.

Efectivamente, Acuña foi o porteiro menos batido nas Temporadas 1941-1942, 1942-1943, 1949-1950 e 1950-1951; o segundo porteiro con máis trofeos Zamora ás súas costas despois de Ramallets. E tras o ronsel de Acuña viñeron os Otero, Miguel Ángel, Buyo, Agustín... que deron orixe á chamada "escola galega de porteiros", reputada entre as mellores do fútbol europeo. Sen Acuña, aquela escola nunca existiría.

Un xogador, e iso é o máis importante, que como persoa sempre tivo a ben exercer de deportivista, desenvolvendo a súa vida deportiva de forma íntegra no club coruñés. Cando lle preguntaban a que equipo lle gustaría pertencer, contestaba coa mesma axilidade e contundencia das súas paradas: "Ao Deportivo, sempre ao Deportivo".

Un socio máis que realizaba longos paseos pola tribuna nos prolegómenos dos partidos de Riazor, onde acudía sempre que podía. Un home, polo demais, humilde, traballador, ponderado... Din, os que lle trataron, que todo un modelo como persoa.

Juanito Acuña constitúe unha figura senlleira no fútbol español e inigualable no coruñés. O grandioso gardameta que lle deu ao Deportivo moitísimas tardes de gloria, era un xenuíno representante do xogador de club. Un home deportivista no seu espírito e tamén na súa traxectoria, ao longo da cal rexeitou importantes e suculentas ofertas doutros clubs para quedar sempre no seu Deportivo. Foi, por tanto, un home que mantivo un forte compromiso branquiazul, que por fin ía verse recoñecido coa posta en marcha do Trofeo Juan Acuña.

PALMARÉS

Ano Campión     Res.     Subcampión Terceiro
1989     Oviedo 1-1 Deportivo
1990 Deportivo 1-1 Burgos
1991 Deportivo 1-1 Athletic Club
1992 Deportivo 2-0 Flamengo
1993 Deportivo 6-1 Universidad Católica de Chile
1994 Sevilla 1-0 Deportivo
1995 Non se xogou
1996 Porto 1-1 Deportivo
1997 Deportivo 3-1 Palmeiras
1998 Milan 1-0 Deportivo
1999 Deportivo 4-0 Fluminense
2000 Deportivo 2-0 Girondins de Burdeos
2001 Deportivo 1-0 Udinese
2002 Deportivo 4-1 Hannover
2003 Porto 2-0 Deportivo
2004 Tokyo 2-1 Deportivo
2005 Deportivo - Birmingham City Fabril
2006 Veteranos do Deportivo 4-2 SuperDépor
2007 Vitória de Guimaraes 1-1 Deportivo