RCD / RCDEPORTIVO / TORNEOS / TERESA HERRERA

TROFEO TERESA HERRERA

Teresa Margarita Herrera e Pousada naceu na Coruña o 10 de novembro de 1712. A coñecida entón como "Teresa dos demos", por ser considerada unha especie de "meiga", tivo unha vida moi difícil. Ao quedar a súa nai viúva e con dez fillos -sete dos cales morrerían mozos- abandonou o seu fogar a unha idade moi temperá, entregándose o resto da súa vida para loitar en prol dos desfavorecidos. No ano 1789, Teresa Herrera doou os seus bens á congregación da Virxe das Dores para que levase a cabo o seu vello obxectivo de fundar un hospital de caridade na cidade, do cal se poría dous anos máis tarde a primeira pedra.

E foi baixo a sombra de tan loable cometido que en 1946, ao amparo da Xunta Local de Beneficencia, xurdiu un evento balompédico que procuraba canalizar a solidariedade social nunha época de penuria. Foi aquela idea, a de proporcionar alivio económico aos máis desfavorecidos a través dun grande torneo de fútbol, xenial para a súa época e todo un precedente na maximización económica deste deporte. O espírito filantrópico do recentemente nado torneo non podía ter mellor cabeceira que o nome da histórica benefactora coruñesa. O primeiro partido celebrouse o 31 de xullo e rexistrou o resultado final de Sevilla 3 - Athletic 2.

Mais o binomio Teresa Herrera/Coruña, adquire pleno sentido co trío que completa o RC Deportivo. Aínda que nun primeiro momento o regulamento do torneo prohibía a participación do club coruñés, pretendendo con iso salvagardar a orixinalidade do cartel, paradoxalmente co paso do tempo aconteceu o contrario, ata o punto de que os branquiazuis se constituiron no principal reclamo desta insigne competición. O Deportivo converteuse no equipo con máis participacións no Teresa Herrera na súa XLV edición, e houbo que tardar tanto tempo porque os frecuentes desatinos coa Segunda División apartárano de numerosas edicións. Na cidade sempre houbo, e moi fundamentalmente a finais da década dos 80, un importante conflito entre quen pensaba que debía primar unha alta calidade en todos os participantes no torneo, e aqueles que xulgaban imprescindible a participación do Deportivo. Un debate que, ao cabo, trasluce o alto nivel que tradicionalmente se lle exixe a esta competición.

Mais o certo é que a organización do Teresa Herrera sempre tivo á súa disposición ao Deportivo mesmo nos momentos máis críticos, como acontecera en setembro de 1962, cando o torneo aínda non estaba fechado e houbo que recorrer urxentemente ao club branquiazul para enfrontarse contra o Benfica lisboeta a fin de non suspender a celebración. Curiosamente, daquela edición improvisada xurdiría un dos máis lendarios partidos do Trofeo, aquel no que nun 9 de setembro, Montalvo, Veloso, Ruíz e Jaime Blanco lle endosaron un rotundo 4-2 ao mítico Benfica de Eusebio, o flamante Campión de Europa só catro meses antes.

Foron 70 equipos diferentes os que participaron no Teresa Herrera, constituíndose por iso nun xenuíno fito internacional do fútbol estival ao que os equipos acoden orgullosos de tan só participar. España, Brasil, Francia, Reino Unido, Holanda, Portugal, Alemaña, Hungría, Italia, República Checa, Uruguai, Romanía, Rusia, Ucraína, Serbia, Arxentina, Austria, Bélxica, Suecia, Suíza e México, son os países que conforman o historial dese cadro impresionista do fútbol mundial que é o Teresa Herrera.

O Teresa Herrera é depositario das máis ancestrais tradicións culturais de Galicia. A historia fixo cristalizar nel un binomio máxico: a xoiaría coruñesa e a pratería compostelá. Ningún dos trofeos oficiais que culminan as máis lonxevas competicións pode presumir de tantas e tan orixinais características. De feito, nos tempos do máis puro materialismo a elaboración de semellante trofeo de forma anual e para unha competición amigable pode semellar un capricho. Mais neste caso non o é, porque o Teresa Herrera non só forma parte da historia da cidade, senón que é viva esencia da mesma e niso estriba a clave da súa perdurabilidade.

Nada máis paradigmático que o trofeo do cincuentenario, sen dúbida unha obra cume xamais superada. Nela empregáronse máis de 2.400 horas de traballo; 7,4 quilos de ouro e 32,7 de prata que deron forma a un espectacular híbrido das dúas tradicións do Teresa Herrera, a das copas, a máis valiosa, que foi mantida até a XXIV edición, e a das torres a partir desta última. Dise que nunha hipotética poxa o citado trofeo podería roldar o millón de euros.

En calquera caso non é máis que unha forma de falar, porque o valor do Teresa Herrera é incalculable. Como patrimonio da cultura universal xustifícase en por si e merecería un lugar de honra entre o máis selecto do Louvre, Ermitage ou British. O Teresa Herrera é un orgullo para Galicia, un luxo para A Coruña e, transcorridas setenta e unha edicións converteuse en moito máis que unha obra de arte.

PALMARÉS

Ano Campión    Res. final    Subcampión Terceiro Cuarto
1946      Sevilla 3-2 Athletic Club
1947 Athletic Club 3-2 Vasco da Gama
1948 Barcelona 2-1 Oporto
1949 Real Madrid 2-1 Racing de París
1950 Lazio 3-1 Atlético de Madrid
1951 Barcelona 4-2 Young Boys
1952 Valencia 2-1 Olympique de Roubaix-Tourcoing
1953 Real Madrid 8-1 Toulouse
1954 Sevilla 3-2 Helsingborgs
1955 Deportivo 4-1 Athletic Club
1956 Atlético de Madrid 4-1 Colonia
1957 Vasco da Gama 4-2 Athletic Club
1958 Nacional de Montevideo 2-1 Flamengo
1959 Santos 4-1 Botafogo
1960 Sevilla 2-1 Newcastle United
1961 Sporting de Lisboa 3-2 Stade Reims
1962 Deportivo 4-2 Benfica
1963 Mónaco 3-2 Vasco da Gama
1964 Deportivo 4-0 Sporting de Lisboa Oporto Roma
1965 Atlético de Madrid 2-1 Vitória de Setúbal
1966 Real Madrid 2-0 Deportivo
1967 Racing de Ferrol 3-0 Celta de Vigo Deportivo Pontevedra
1968 Vitória de Setúbal 2-1 Rapid de Viena
1969 Deportivo 1-0 Nacional de Montevideo Charleroi Bayern Múnic
1970 Ferencvaros 0-0 San Lorenzo de Almagro
1971 Estrella Roja 3-1 Deportivo
1972 Barcelona 2-0 ADO La Haya Deportivo
1973 Atlético de Madrid 2-1 Spartak Trnava Ujpest Dozsa Ajax
1974 Peñarol 3-2 Borussia Mönchengladbach Barcelona Atlético de Madrid
1975 Peñarol 3-3 Cruzeiro Atlético de Madrid Stoke City
1976 Real Madrid 2-0 Cruzeiro PSV Eindhoven Peñarol
1977 Fluminense 4-1 Dukla Praga Real Madrid Feyenoord
1978 Real Madrid 2-0 Flamengo Deportivo Fluminense
1979 Real Madrid 1-0 Sporting de Gijón Honved West Bromwich Albion
1980 Real Madrid 3-1 Sporting de Gijón Oporto Flamengo
1981 Dinamo Kiev 1-0 Atlético de Madrid Barcelona Deportivo
1982 Dinamo Kiev 4-1 Barcelona Bayern Múnic Inter Porto de Alegre
1983 Athletic Club 1-0 Peñarol Real Madrid Dinamo Kiev
1984 Roma 2-2 Vasco da Gama Manchester United Athletic Club
1985 Atlético de Madrid 1-0 Oporto Fluminense Real Madrid
1986 Atlético de Madrid 1-0 Santos Real Madrid Sao Paulo
1987 Benfica 1-1 Deportivo Sporting de Gijón Everton
1988 PSV Eindhoven 3-1 Atlético de Madrid Liverpool Real Sociedad
1989 Bayern Múnic 4-1 Steaua Bucarest Real Madrid PSV Eindhoven
1990 Barcelona 2-0 Benfica Bayern Múnic Deportivo
1991 Oporto 1-0 Deportivo Ajax Real Madrid
1992 Sao Paulo 4-1 Barcelona Peñarol Deportivo
1993 Barcelona 1-0 Sao Paulo Deportivo Lazio
1994 Real Madrid 1-0 Deportivo Sampdoria Oporto
1995 Deportivo 2-0 Real Madrid Flamengo Benfica
1996 Botafogo 4-4 Juventus Deportivo Ajax
1997 Deportivo 2-2 PSV Eindhoven Atlético de Madrid Vasco da Gama
1998 Deportivo 2-0 Lazio Real Madrid Atlético de Madrid
1999 Celta de Vigo 1-0 Boca Juniors Deportivo Corinthians
2000 Deportivo 2-2 Lazio
2001 Deportivo 2-1 Real Madrid Peñarol Cruz Azul
2002 Deportivo 1-0 Cruz Azul Atlético de Madrid Nacional de Montevideo
2003 Deportivo - América de México Nacional de Montevideo
2004 Deportivo 3-1 Atlético de Madrid Zaragoza Sporting de Lisboa
2005 Deportivo - Nacional de Montevideo Peñarol
2006 Deportivo 3-1 Milan Atlético de Madrid Nacional de Montevideo
2007 Deportivo 2-1 Real Madrid Belenenses Atalanta
2008 Deportivo 2-1 Atlético de Madrid Cruz Azul Sporting de Gijón
2009 Atlético de Madrid 1-1 Deportivo
2010 Newcastle United 0-0 Deportivo
2011 Sevilla 1-1 Deportivo
2012 Deportivo 2-2 Atlético de Madrid
2013 Real Madrid 4-0 Deportivo
2014 Deportivo 1-0 Sporting de Gijón Sporting de Lisboa Nacional de Montevideo
2015 Deportivo 1-0 Sporting Braga
2016 Deportivo 2-0 Villarreal
2017 Deportivo 2-0 West Bromwich Albion