RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Joselu: "Tentarei achegar o máximo que poida para conseguir vitorias e goles"

Joselu compareceu esta mañá ante os medios informativos na sala de prensa de Riazor. Tomou a palabra en primeiro lugar para agradecer o "trato espectacular dos doutores Moncho (doutor Ramón Barral) e Lari (doutor Carlos Lariño), os fisioterapeutas, Antón (Doval), Adán (Carbó), sobre todo de Adolfo (Mateo), que foi co que máis tempo estiven. Con Fran Molano, que se incorporou tarde. Quería darlles as grazas a todos eles. Unha gran parte de que estea aquí de volta é grazas a eles. Agradecerlles o traballo que tiveron comigo e o profesionais que foron, como o é o Deportivo".

Confesou levar este tempo de recuperación "con moito optimismo desde o primeiro día porque pensabamos desde o primeiro momento que era algo máis grave do esperado. Aquí estou, recuperado e con boas sensacións, que é o importante".

Recoñeceu que o pasado martes en Sevilla, na súa volta aos terreos de xogo, "ao principio sentíame un pouco raro porque desafortunadamente non tiven os suficientes minutos que quería ter durante estes primeiros partidos. A sensación foi estraña ao volver sentirme xogador aínda que non foi unha lesión tampouco de seis meses".

Subliña que o primeiro é "sentirme ben fisicamente, que o xeonllo responda ben. Todos eses pasos cumprímolos. Agora o obxectivo é axudar ao equipo o máximo que poida e tentar conseguir unha vitoria o luns", no partido ante a Real Sociedad en Riazor (20.45, Gol TV).

Preguntado sobre se se ve titular ou non ante o conxunto vasco, apunta que "levo moitas semanas traballando aínda que aparte, e logo unha semana e pico traballando co equipo. Síntome moi ben. Estou aquí para axudar ao equipo. Se o adestrador ve necesario que xogue o luns ou non, son decisións que toma o adestrador. Síntome ben fisicamente para achegar o que podo achegar".

O dianteiro deportivista recalca que "xogar no Deportivo para min é unha motivación desde o primeiro día que vin. Desde o primeiro día que cheguei aquí xa vos dixen a todos que estaba moi contento de estar aquí, e que era unha oportunidade moi boa para min, que o ía a dar todo. Non puido ser no terreo de xogo por culpa da lesión. A partir de agora espero que poida achegar todo o mellor que poida facer e axudar o Deportivo a cumprir o obxectivo. E sobre todo por esta grandísima afección que me apoiou desde o primeiro día".

Neste primeiro tramo de competición, opina Joselu que "estamos a ser superiores aos rivais. Estamos a facer moi bo fútbol. O adestrador está a expor moi ben os partidos. Ao final isto é fútbol e o que meta máis goles que o outro pois gaña. Desde o meu punto de vista tentarei achegar o máximo que poida para conseguir vitorias e para conseguir goles que ao final, o xogo estamos a telo, estamos a ter ocasións".