RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Andone: "Para min agora mesmo o Dépor é o mellor club do mundo"

Florin Andone compareceu ante os medios informativos esta mañá na sala de prensa de Riazor, nada máis concluír o adestramento diario. Este domingo 18 de decembro ante Osasuna (18.30, Bein Sports), asegura que "temos que gañar si ou si. Non vale outro resultado que non sexa unha vitoria".

Para iso, pide "saír ao campo coa actitude que saímos os últimos partidos en casa. Temos que sumar os tres puntos. Non podemos permitir que o Osasuna se reenganche á loita da salvación. Só temos que mirar polo noso ben. Temos que traballar máis que nunca para sacar o partido adiante".

Non se fía para nada do conxunto navarro que dirixe o ex deportivista Joaquín Caparrós, e da súa situación clasificatoria: "Dáme máis medo este partido que un partido contra o Atlético de Madrid".

Neste sentido, subliña que "hai que tomalo como un partido importante. Dá igual que sexa o Osasuna, o Madrid ou o Barcelona. Temos que ser conscientes do moito que nos xogamos. Estamos concienciados de que é o partido máis importante de todo o ano porque é o que xogamos esta semana. A nosa actitude ten que ser desde o principio ir a por o partido, gañar o partido. Temos que ter unha mentalidade gañadora".

Preguntado sobre o seu futuro e un posible interese de equipos da 'Premier League', o internacional romanés teno claro: "Estou moi feliz aquí. O verán pasado tiven intereses de equipos estranxeiros, ofertas sobre a mesa. Ao final quixen quedarme aquí en España. Para min é a miña casa, estou moi cómodo aquí. A miña familia está aquí, a miña noiva está aquí. Non penso saír ao estranxeiro".

Reitera Florin Andone que "o Deportivo apostou moi moi forte por min. Deume todo o seu agarimo, abriume as portas da súa casa, estivo nos malos momentos comigo, estivo nos bos momentos comigo. Estou moi agradecido por como me tratan aquí. Na miña cabeza non pasa outra cousa que non sexa seguir aquí. Estou moi a gusto aquí. Para min agora mesmo é o mellor club do mundo".