RCD / NOVAS

Gaizka Garitano cre que "a eliminatoria se decidirá en Mendizorroza"

02/01/2017 20:17

Gaizka Garitano, técnico deportivista, explicou esta mañá en rolda de prensa que leva a 19 futbolistas para medirse mañá martes en Copa ao Alavés (21:15 horas, Riazor, Bein Sports) na ida de oitavos de final, porque "temos algún xogador en dúbida para mañá".

Asegura que "o noso sustento e o que che dá para comer é a liga, pero na Copa temos a ilusión de que estamos nas roldas finais. Non a queremos tirar tampouco. Como tamén demostramos na eliminatoria ante o Betis, queremos seguir adiante nesta competición".

Explica o técnico deportivista sobre Borja Valle que "as circunstancias do equipo fai que estea aquí. Practicamente estamos para completar unha convocatoria, con partidos cada tres ou catro días. A día de hoxe non queremos que marche ninguén". 

Pide paciencia á hora de esperar a chegada de reforzos: "Sabedes que este mercado é moi complicado. Máis pensar nos que temos, centrarnos en sacarlles o máximo rendemento e se chega alguén, co tempo xa o iremos incorporando. Necesitamos paciencia porque é un mercado moi complicado en todos os sentidos".

Do Alavés, opina Garitano que "está a facer as cousas moi ben. É un rival moi sólido, moi traballado. Pódeche xogar con cinco ou con catro atrás. Encaixa moi pouquiños goles fóra de casa. Ten un cadro moi ben deseñado, unha mestura de xogadores veteranos con oficio en Primeira División con outros mozos, caso de Theo, Llorente... que xa son presente no fútbol español e que no futuro van ser xogadores moi importantes".

Vaticina unha eliminatoria "que se decidirá en Mendizorroza. Imos ver se somos capaces de pasar". Chanceou cos xornalistas ao confesar que viaxaría tranquilo a Vitoria para o partido de volta "con 6-0 ou 7-0. A eliminatoria decidirase en Mendizorroza e trataremos de sacar un bo resultado aquí".

Máis novas de: GAIZKA GARITANO