RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Garitano: "Este Dépor non baixa os brazos"

O técnico deportivista, Gaizka Garitano, destacou que este Deportivo "non baixa os brazos" porque "ten fe no que fai" e congratulouse por que a eliminatoria fronte ao Alavés "está aberta" para o encontro de volta.

"A eliminatoria está aberta. Como xa previamos, decidirase en Mendizorroza. Puxéronsenos arriba con goles en minutos claves, nada máis empezar e antes de acabar o primeiro tempo. Daquela o equipo soubo sobrepoñerse e deixar a eliminatoria viva", analizou o preparador branquiazul.

"Nós non estivemos ben no primeiro tempo. Eles atoparon os goles en dúas accións illadas. Foi un partido moi igualado ata o 0-2 e logo a partir do minuto 15 ou 20 fomos superiores", seguiu a examinar o encontro. Garitano engadiu que "o equipo ten fe no que fai, ten empuxe. Calquera outro equipo con 0-2 e tendo que xogar o venres ía baixar os brazos, pero este Dépor non baixa os brazos".

Sobre o penalti a Juanfran preferiu non comentar nada ante claridade da acción punible de Ibai Gómez e sobre a actuación de Óscar Pinchi afirmou que "lle deu brío ao equipo".

Pola súa banda, Mauricio Pellegrino, adestrador do Alavés, comentou que a fortaleza a balón parado do Dépor acabou por equilibrar un partido no que o seu equipo fixo unha boa primeira hora de xogo.

"O noso primeiro tempo e os segundos 15 minutos foron bos. Nos últimos 30 minutos cedemos demasiado terreo, non puidemos agarrar o balón, defendemos demasiada pelota parada e aí o Dépor é forte", asegurou o técnico arxentino, que deixou claro que "a eliminatoria está igual que empezou, segue aberta para os dous equipos".