RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Garitano asegura que "o equipo está para competir contra calquera"

Gaizka Garitano subliñou esta tarde na sala de prensa de Abegondo que o partido deste sábado 14 de xaneiro en Riazor ante o Villarreal (20:45, Bein Sports) é "moi importante para nós. Xogamos en casa, ben é certo que ante un rival bo que está arriba na táboa".

Advirte o adestrador vasco que agora mesmo o Deportivo "está para competir contra calquera. Esperamos facer un bo partido. Estamos en necesidades de puntos. Hai que tentar chegar a 20, que ese sería o soño que temos para mañá".

Asegurou que o capitán Laure ocupará o lugar de Juanfran no once inicial: "Temos confianza nel. Suplirao perfectamente".

Garitano quere que o Deportivo xogue "como estamos a xogar en casa ultimamente. Estamos nunha moi boa liña. O Villarreal ten unhas características moi definidas de modelo de xogo. Coñecémolo ben. Temos que tentar parar as fortalezas que ten. É o equipo menos goleado da liga e en ataque conta con moi bos futbolistas".

A xuízo do técnico deportivista, con 17 xornadas disputadas, "o equipo no campo fixo máis que 17 puntos. É verdade que temos 17, non son suficientes e queremos máis".

Referiuse tamén á incorporación de Ola John: "É un futbolista para recuperar. Ten talento, demostrou cousas no pasado. Pero leva dous anos un pouco desaparecido e agora noso reto é volver recuperalo e que tente dar o que leva dentro na súa mellor versión".

O ve Garitano para xogar polas dúas bandas, pero avisa que "o obxectivo número un é tratar de recuperalo porque vén dunha lesión longa e agora mesmo non está para adestrar co grupo. Necesitará un pouco de tempo. O máis importante é recuperalo primeiro fisicamente para que poida volver xogar".