Ola John adestrouse esta mañá por primeira vez co grupo en Abegondo, no regreso aos adestramentos do primeiro equipo.
Os titulares o pasado sábado ante o Villarreal rebaixaron a intensidade do adestramento. Así, tras un quecemento e uns rondos, este grupo de futbolistas realizou exercicios de recuperación dirixidos polo preparador físico José Ángel Franganillo.
Para o resto do cadro houbo ademais un traballo de posesión e un partido con dous equipos de sete xogadores.
Carles Gil e Bruno Gama adestráronse co readaptador, Fran Molano; mentres que Borja Valle estivo cos fisioterapeutas, debido a unhas molestias no cuádriceps dereito, pendente de probas médicas.
Hoxe adestráronse co Deportivo os fabrilistas Óscar, Marcos Legaz, Ángel, Naveira, Alberto Leira e o porteiro nixeriano Francis Odinaka Uzoho, incorporado recentemente ao Xuvenil B de Liga Nacional.
Mañá, os futbolistas están citados de novo en Abegondo ás 11:00 horas.