RCD / NOVAS
Tentar gañar en Ipurua, un "bonito reto" para Gaizka Garitano
Gaizka Garitano falou esta mañá na sala de prensa de Abegondo sobre o seu regreso a Ipurua, mañá sábado 28 de xaneiro (18:30, Bein Sports): "Pasei moitos anos alí. Ao final volves a casa. Ves a amigos, a xente coñecida. Pero o máis importante e o único que me preocupa é que o Dépor gañe alí. Estar centrado no partido".
Cualifica o encontro ante o Eibar como "difícil, no que eles están fortes en casa. E nós fóra non gañamos aínda. Para nós é un bonito reto xogar alí, tentar gañar. O equipo adestrou ben esta semana, preparamos ben o partido. Imos ver se podemos conseguir esa vitoria que tanto necesitamos".
Vaticina un cambio de sistema respecto ao utilizado o pasado venres nas Palmas, "agora que recuperamos xente de banda, a idea é volver xogar con xogadores con bandas que temos dispoñibles".
Explica a presenza de Davy Roef nunha convocatoria con tres porteiros: "Para que se vaia integrando e vaia coñecéndonos un pouco".
En canto a Bruno Gama, Carles Gil, Ola John e Kakuta, Garitano indica que "adestraron normal toda a semana. Non teñen molestias. Ao final viaxan tres deses catro. Preparados para xogar sen ningún problema".
Advirte de Kakuta que "o problema é que teña fiabilidade para xogar noventa minutos despois de meses sen xogar. A idea é que poida ser utilizado durante o partido e xa veremos se desde o principio ou se logo". Engade que tanto o francés como Bruno Gama e Carles Gil "ningún está para xogar noventa minutos". A solución, segundo Garitano, "é facer dobres parellas, que empecen uns e acaben outros".
Preguntado sobre a ausencia de Luisinho, quixo aclarar que é unicamente por motivos técnicos: "Estou encantado con Luisinho. Está a facer todo moi ben, adestra moi ben. Tivo un bo rendemento. Agora teño catro laterais e teño que deixar a un fóra. Por plan de partido déixolle a el fóra".
Finalmente, referíndose ao mercado de inverno, aínda aberto, o técnico deportivista lembrou que "o que fixemos é cambiar home por home. Vaise Rubén, vén outro porteiro. Foise Borja Valle e veu outro extremo. Foise Ryan Babel... O plantel segue sendo curto, como era antes. Xa un plantel máis curto non podiamos ter. Nese aspecto o Club traballou ben, creo que como sempre".