RCD / NOVAS

"Estamos nunha situación delicada", lembra Gaizka Garitano

02/02/2017 21:23

Gaizka Garitano confesou esta mañá na sala de prensa de Abegondo estar "preocupado" despois dun mes de xaneiro sen vitorias en liga e Copa: "Cando non ganas estás preocupado. Agora vimos de perder".

Por este motivo, subliña que o encontro de mañá venres 3 de febreiro en Riazor ante o Betis (20:45, Gol), "é moi importante. Imos xogar contra un bo equipo. Temos esa necesidade de gañar. É un deses partidos de inflexión. Para o noso futuro é un partido moi importante".

Do conxunto bético, lembrou que "vén de facer un gran partido ante o Barcelona. Témolo aí a 4 puntos. É un obxectivo para nós alcanzalos. Agora temos a oportunidade de xogar contra eles".

Recalcou que ambos os conxuntos víronse as caras xa tres veces no que vai de temporada, "e foron partidos difíciles para nós e para eles. Partidos moi igualados os tres. Eles teñen un equipo moi forte, moi bo cadro. Veñen de facer as cousas ben. Teñen o sistema collido. O outro día contra o Barça gustoume moito. Fixeron un gran partido".

Sobre a inclusión por primeira vez de Ola John entre os convocados, Garitano explicou que "é un futbolista de calidade. Pode xogar nas dúas bandas, sabe o que fai co balón. Ten nivel. O problema é o ritmo que ten. Teno que aumentar. Unha cousa é a calidade individual, pero só con calidade non se pode xogar en Primeira División. Necesitamos que aumente de condición física e de ritmo. Unha vez que teña iso, é un futbolista que tecnicamente é un bo futbolista".

Cre que o equipo "en casa atópase máis cómodo. Aí están os resultados, o xogo. Iso non quere dicir que só podamos xogar co que facemos en casa porque haberá algún día que en casa non funcionemos. Desde logo en casa temos que seguir na mesma liña, que é boa. Fóra de casa temos que cambiar algunha cousa".

Non quere oír falar Garitano do tema da súa renovación: "Iso agora mesmo é o menos importante. O que menos me ten que preocupar a min e ao Club sobre todo. Estamos nunha situación delicada. E canto antes vexámolo, antes sexamos conscientes, antes sairemos dela. A situación segue sendo delicada e os obxectivos non están cumpridos, nin pola miña banda nin por parte do equipo. Agora hai que falar máis sobre o campo, gañar máis partidos e afastarnos un pouco máis da zona de descenso".

Máis novas de: GAIZKA GARITANO