RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

"A pesar de mellorar un pouco na clasificación, aínda estamos aí abaixo", lembra Carles Gil

Carles Gil lembrou esta mañá na sala de prensa de Abegondo que, "a pesar de mellorar un pouco na clasificación aínda estamos aí abaixo. Cada partido para nós é unha final ou un partido moi importante".

Por este motivo, cre que "sería un erro pensar en #ONOSODERBI (do domingo 19 de marzo en Riazor, 18:30, Bein Sports) antes do partido do domingo (ante o Barcelona, 12 de marzo en Riazor, 16:15, Bein Sports)".

Apercibido de sanción, insiste no discurso do técnico Pepe Mel: "É un erro que calquera dos que estamos neste caso apercibidos esteamos a pensar nos cartóns que levemos. Para iso é mellor que xogue outro. Hai que xogar ao cento por cento. Encima o Barça é un equipo que che leva ao límite, que vas ter que facer faltas para parar o seu ataque. Se neste caso se xogamos algún e recibimos cartón, pois ao final o importante é o equipo. Se non está un, estará outro".

Despois de quince días frenéticos de partidos, Carles Gil asegura que "calquera xogador que xogue o domingo vai estar ao cento por cento. O míster pídenos honestidade, que sexamos sinceros con el. Se estamos ao cento por cento ou non. Eles tamén veñen dun esforzo psicolóxico e físico moi grande. Nese sentido non temos escusa".

A pesar do complicado da empresa de vencer a "un dos mellores equipos do mundo, por non dicir o mellor, cos mellores xogadores", o atacante deportivista "confía en poder levarnos os tres puntos. Sei que é moi complicado. Pero sabemos que temos as nosas opcións e temos que agarrarnos a iso. Confío plenamente no equipo e en que podamos conseguilo".

Lembra que no Santiago Bernabéu na primeira volta da liga, "un campo moi moi complicado e encima fóra de casa, estivemos a nada de levarnos os tres puntos. Contra o Barcelona será igual".

Que o Barcelona chegue a Riazor despois dunha remontada histórica en Liga de Campións ante o Paris Saint-Germain convérteo, a xuízo de Carles Gil, en "máis perigoso. Cando estás con mentalidade positiva, co ánimo subido, é un plus engadido. Pásanos a todos. Se ademais engádesllo a este tipo de xogadores, son máis perigosos aínda".