RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Fabian Schär cre que é importante "permanecer unidos" e ir "partido a partido"

Fabian Schär, acompañado da intérprete Melissa Santiso, compareceu esta mañá ante os medios informativos na sala de prensa de Abegondo.

O internacional suízo cualificou de "moi importante" o encontro deste venres 2 de febreiro ás 21:00 horas en Anoeta ante a Real Sociedad (Bein LaLiga), correspondente á xornada 22ª en LaLiga Santander. "Imos empezar a puntuar", asegura.

Valora positivamente ás novas incorporacións: "Eneko (Bóveda) xa debutou, e xogou ben. Os demais adestraron e adestraron ben. Krohn-Delhi achega bastante calidade no medio do campo. Todos as novas fichaxes van achegar ao equipo".

Recoñeceu que o pasado sábado ante o Levante "houbo erros pero tamén foi mala sorte. O primeiro gol do Levante tócame lixeiramente coa cabeza e o segundo foi un disparo a 20 metros".

Prefire non opinar sobre o momento da Real Sociedad, o seu rival e si do Dépor: "Non estamos no noso mellor momento pero si estamos a facer todo o posible para saír de aí. Imos pelexar exactamente igual".

O camiño para o defensor suízo pasa por "adestrar duro. Iso é o máis importante. Permanecer unidos sobre todo. Ao equipo faille falta confianza agora mesmo. Estamos a traballalo empezando polo básico, paso a paso e partido a partido".

Nesta liña, insiste en que "somos un equipo, unha familia. Temos moi claro o obxectivo. Temos calidade para saír desta situación. Si nos falta confianza. En canto cambie un pouco a situación e empecemos a conseguir puntos, os ánimos subirán".

Preguntado por Cristóbal Parralo, advirte que "está a facer un bo traballo. Isto é unha familia, adéstrase duro, víveo como nós. O máis importante é seguir traballando partido a partido".

Desde a súa chegada á Coruña o pasado verán, Fabian Schär di estar "moi contento no Dépor, moi contento coa afección. Valoro o traballo que está a facer o equipo, aínda que non estamos no noso mellor momento. Pero podemos cambialo e saír de aí".

Acerca dos goles recibidos, 46 até a data, que converten ao Dépor no segundo equipo máis goleado de LaLiga Santander, o central deportivista explica que "traballamos para non cometer erros. Ás veces é difícil explicar. Estamos agora nunha situación difícil. Seguiremos traballando aínda que hai cousas que é difícil controlar, como un tiro de longa distancia que che entre. Aos poucos sairemos disto", promete.