RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#ANOSAHISTORIA

#ANosaHistoria: 25 anos do primeiro ascenso do Fabril a Segunda B

Fai hoxe un cuarto de século, só dúas semanas despois do retorno do primeiro equipo á división de honra tras 18 anos de ausencia, o Fabril lograba en Mieres por primeira vez na súa historia ascender á Segunda División B, tras culminar na primeira praza unha liguiña de ascenso á que accedeu tras finalizar cuarto no Grupo I de Terceira División.

A campaña 1990-1991 é a segunda de Francisco Delgado Melo como adestrador do filial deportivista. O Fabril traza un comezo moi regular, no que suma 13 dos primeiros 16 puntos en xogo, con seis vitorias, un empate e unha soa derrota, na Marosa fronte ao Burela (1-0).

O equipo atravesa unha fochanca no seguintes nove xornadas, nas que só é capaz de sumar dúas vitorias, ambas as a domicilio: Golea en Betanzos ao Brigantium (0-5) na 11ª xornada e repite dúas semanas despois en Gondomar (0-2). Mercé a dúas vitorias consecutivas, no ‘mini-derbi' ante o Celta Turista (0-1) e en casa ante as Ordes (3-0), pecha a primeira volta en posición de promoción. O Fabril é cuarto, con 26 puntos e 8 positivos, por detrás de Bergantiños (29), Lalín (28) e Racing de Ferrol (27) e cunha vantaxe de catro puntos sobre os seus máis inmediatos perseguidores, Carballiño e Burela.

A primeira metade da segunda volta catapulta ao segundo equipo branquiazul, que conquista 16 dos primeiros 20 puntos en xogo, grazas a oito vitorias e só dúas derrotas, con goleadas ao Lemos (4-0), Boiro (2-5), Meirás (0-4) e Barco (0-3). Tras esta última vitoria, o Fabril é segundo, con 5 puntos de marxe sobre o quinto clasificado, o Burela, e con 9 partidos por diante.

Dúas derrotas consecutivas, ante Brigantium (1-2) e Bergantiños (2-1), complican as cousas, que se torcen de novo cando, tras gañar con solvencia ao Gondomar (4-1), o Fabril recibe outro revés en Cantarrana ante o Viveiro (2-1), ao que segue un empate en casa fronte ao Lalín (2-2). Con só catro xornadas por disputar, o equipo de Paco Melo está fóra de playoff, empatado a puntos co cuarto, o Burela.

Unha sufrida vitoria en Sada (2-3) precede a un triunfo tan rotundo como clave. O Fabril pasa por riba do Racing de Ferrol (3-0), o que lle vale para depender de si mesmo nas dúas últimas xornadas. Con Lalín e Bergantiños xa clasificados matematicamente, o filial deportivista xógase con Burela e Racing de Ferrol, aos que avantaxa nun punto (49 dos coruñeses por 48 de lucenses e departamentais) as dúas prazas restantes.

Na penúltima xornada, o Fabril araña un punto ante o Celta Turista (1-1), o mesmo botín que sacan o Racing no Manuel Rivera ante un Órdenes (1-1) que xa non se xoga nada e que o Burela en Carballo (0-0) fronte ao segundo clasificado. Así pois, idéntica situación cara á última xornada. Na mesma, o Fabril empata sen goles en Ordes, o Burela vence con facilidade ao Gondomar (3-0) e o Racing perde sorprendentemente en Vilalonga (1-0), co que son os ferroláns os que quedan fóra da fase de ascenso.

O Fabril finaliza a liga na cuarta posición, con 51 puntos, mercé a 21 vitorias, 9 empates e 8 derrotas, con 76 goles a favor e 36 en contra.

No sorteo da fase de ascenso, os branquiazuis quedan encadrados no Grupo A1, xunto ao Almazán soriano, o Caudal asturiano e o Fuenlabrada madrileño. A liguiña non comeza ben. O Almazán arranca un punto de Riazor (2-2) e, unha semana despois, repite o Caudal (2-2). O Fabril refaise e suma tres vitorias consecutivas, en Fuenlabrada (0-1), Soria (1-2) e en casa ante os madrileños (2-0).

Con 8 puntos, o Fabril chega líder a unha última xornada na que xoga en Mieres ante o Caudal, que acumula 7 puntos. Un empate basta aos pupilos de Paco Melo, que logran unha sufrida igualada sen goles coa que selan un histórico ascenso. O 23 de xuño de 1991, a Fabril forma no Estadio Hermanos Antuña con Julio Ares, Mariano, Ángel, Tito, Emiliano, Toñito, Juanito, Teté (Damil, min. 72), Busto, Manolo (Domingo, min. 81) e Arturo. Tamén forman parte daquel cadro Roberto, Eduardo, Tino, Grela, Barral, Óscar e Braulio. O adestrador era Paco Melo, axudado por José Ángel Franganillo na preparación física e con Bazarra como delegado.

A réplica daquela camiseta do Deportivo de hai 25 anos está ao alcance de todos os deportivistas en deportienda.es