RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

8.875 euros recadados para mellorar a atención personalizada ao cadro do Dépor Genuine

O partido de segunda eliminatoria da UEFA Youth League entre o Dépor e o Maccabi Haifa deixou, ademais dunha gran noite de fútbol e Deportivismo, unha nova recadación con carácter social. Se na primeira eliminatoria fronte ao Pogoń determinouse doar integramente a recadación do partido ao Centro Oncolóxico de Galicia a través do proxecto "Mételle un gol ao cancro", cun total de 6.185 euros, nesta ocasión a recadación ascendeu a 8.875 euros, destinados a un proxecto da Fundación RC Deportivo.

Como se informou antes do partido, ao que as socias e socios do Dépor accederon sen pagar ao ser titulares de abono, e centos de nenas e nenos foron convidados pola Fundación RC Deportivo, todo o diñeiro recadado pola venda de entradas a Deportivistas, ao prezo de 5 euros, destinarase integramente ao proxecto do Dépor Genuine, promovido pola Fundación RC Deportivo, que esta temporada non conta con patrocinio e que permite a 35 xogadoras e xogadores con Discapacidade Intelectual a súa integración social a través do fútbol.

O diñeiro recadado servirá para reforzar os recursos humanos destinados á atención deportiva, formativa e persoal que, polas necesidades específicas que teñen no seu día a día, é necesaria para un óptimo traballo de todos os integrantes do equipo. Uns membros do Dépor Genuine que o onte gozaron, como convidados especiais na área 1906 ABANCA-RIAZOR, do partido de UEFA Youth League animando aos seus compañeiros do Dépor Xuvenil na Nosa Casa.