RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

"A afección vai ser moi importante", advirte Diego Caballo ante a estrea no Estadio ABANCA-RIAZOR

Diego Caballo foi o protagonista esta mañá na sala de prensa de Abegondo. O lateral deportivista, de cara á estrea ligueira deste domingo 9 de setembro (20:45 horas, Movistar Partidazo) no Estadio ABANCA-RIAZOR ante o Sporting de Gijón, asegura que "a afección vai ser moi importante. Creo que nos vai a levar polo aire". "Para todos vai ser a estrea en casa. Imos xogar coa nosa xente, e é bonito", apunta.

O canteirán branquiazul, titular nos 3 primeiros partidos ligueiros, é da opinión de que "en casa temos que ser nós mesmos, mandar nós, e non esperar ao que faga o rival".

As obras nas cubertas do estadio, a xuízo de Diego, farán que o debut sexa "raro, diferente. As circunstancias déronse así e hai que xogar coma se estivese o campo completamente cheo. Hai que buscar a vitoria dun xeito ou doutro".

A nivel persoal, dixo sentirse "moi contento. Xogar 270 minutos recentemente ascendido do Fabril é moi bo. Estou a atoparme moi ben".

Preguntado sobre os nervios lóxicos nun recentemente chegado á elite, o defensor deportivista di que "ao final nos dedicamos ao que máis nos gusta. A sensación de nerviosismo pódela ter ao principio, pero cando empeza a correr o balón, xa só estás centrado niso".

A súa receita ante a maior presión mediática do primeiro equipo é "abstraerse. De quen me aconsello, de quen me xunto é da miña familia, dos meus amigos. O demais o deixo aparte e só escoito a eles".

Nota diferenza entre a Segunda B e LaLiga 1|2|3: "É outro ritmo, outra forma de xogar. Os equipos apertan durante 90 minutos".

Defende a traxectoria do Dépor no que vai de temporada, despois de 3 partidos lonxe da Coruña (Albacete, Almendralejo e Tenerife): "Sabemos o difícil que é gañar fóra. Se te quedas con cousas positivas, non perdiches. Empatas 2 partidos nos últimos minutos, quedas con ese sabor agridoce. Pero volves a casa invicto".

Nesta liña, apunta que o equipo "cada vez vai collendo máis os automatismos, van saíndo mellor as cousas e aos poucos irá mellor. Levamos 3 partidos só. Cando levemos 10, temos que falar".

Do Sporting de Gijón, rival este domingo, subliña Diego Caballo que "está invicto como nós. É verdade que un dos partidos empatou nos últimos minutos. Segunda é así e até os últimos minutos os equipos compiten".