RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

La Opinión achega 26.000 € á ampliación de capital do Dépor, un por cada socio do Club

A ampliación de capital do Real Club Deportivo entra na súa recta final. O vindeiro martes 31 de xaneiro poñerase o punto definitivo á quinta e última fase, período aberto a todos os cidadáns e empresas. Ata ese día todos os deportivistas que o desexen, desde calquera punto do mundo, poden comprar accións do Real Club Deportivo e converterse en donos dun Club con máis de 25.000 accionistas.

Todos os que queiran sumarse á ampliación de capital do Deportivo comprando accións, poden adquirir desde 1 (60,10 €) ata 1.500 (90.150 €) tanto a través de internet na páxina odeporeteu.gal como de maneira presencial na Oficina de Atención ao Deportivista do Estadio de Riazor no seu horario habitual de 10:00 a 13:30 e de 16:30 a 19:00 h. de luns a venres.

Polo momento, a última inxección de capital chegou por parte da Opinión da Coruña. O diario coruñés sumouse ao accionariado do Deportivo cun investimento de 26.000 euros en accións, achegando, símbolicamente, un euro por cada un dos socios que a día de hoxe ten o Dépor. Desta forma, ademais de pasar a formar parte da estrutura de propiedade do Club, quere animar a todos os socios, deportivistas e coruñeses en xeral, a participar antes do día 31 na ampliación de capital do Deportivo.

Tino Fernández, agradeceu a achega da Opinión "é importante que as empresas que son conscientes da importancia do Deportivo se animen a participar na ampliación de capital que finaliza o día 31. É un moi bo xesto. Nós estamos moi contentos por todo o que supón que accionistas amplíen a súa relación co Deportivo e que novos accionistas veñan ao Deportivo. Estamos no último mes da campaña e oxalá esto sirva para que, por unha banda, máis xente lembre que estamos con esta ampliación de capital, e por outro, para que se anime a participar e colaborar na medida das súas posibilidades. Isto é un proxecto colectivo e necesita da participación das persoas individuais, dos afeccionados, das persoas físicas, pero tamén das institucións e especialmente das empresas que senten o Deportivo. Ese modelo mixto, de afeccionados e de empresas, pero con raíz local, é o que necesitamos, o que queremos e o que está a funcionar no Deportivo".