RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

A aventura copeira remata en Mendizorroza (1-1)

O Alavés puxo fin á aventura copeira 2016-2017 do Deportivo, que non foi capaz de impoñerse en Mendizorroza, onde o conxunto local, que se adiantou nas postremeiras do primeiro período, quedou cun xogador menos nada máis comezar a segunda metade.

Gaizka Garitano, adestrador do Deportivo, realizou dous cambios con respecto á formación presentada fronte ao conxunto vitoriano no encontro de ida. Raúl Albentosa e o lesionado Bruno Gama deixaron o seu sitio a Alejandro Arribas e Borja Valle, respectivamente.

Ante a necesidade de marcar polo menos un gol para seguir tendo opcións de superar a eliminatoria tras o 2-2 de Riazor, o Deportivo fíxose desde o inicio co mando do partido. O primeiro disparo a porta chegou, no minuto 8, nun lanzamento lonxano de Emre Çolak que se marchou desviado.

Segundos despois, Nenad Krstičić deixou a Christian Santos só ante Rubén, pero o porteiro deportivista saíu con celeridade para anticiparse e afastar o perigo. E aínda antes de cumprirse o minuto 10, Theo Hernández enviou unha falta directa moi preto do poste esquerdo do portal herculino.

No minuto 12, unha gran acción de Emre Çolak na liña de fondo foi a orixe dunha dobre oportunidade para o Dépor. O primeiro disparo do turco rexeitouno Ortolá cos seus puños, o balón caeu a pés de Marlos Moreno e o colombiano estrelou o seu remate no pau dereito do marco alavesista.

Durante dez minutos apenas houbo achegamentos de perigo, ata que Aleksandar Katai puxo a proba a Rubén cun duro disparo raso como culminación dun contragolpe. O porteiro de Coristanco atrapou o esférico con seguridade. Cinco minutos despois, ao fío da media hora, nun novo contragolpe, Theo Hernández dobrou a Katai, para buscar sorprender ao porteiro deportivista con outro potente lanzamento ao primeiro pau que non atopou portería.

No minuto 41, Emre Çolak acariñou o primeiro tanto nun libre directo na frontal da área. O tiro do turco escapouse por pouco, lambendo a cruceta dereita da portería local. Tres minutos máis tarde, Joselu non puido impactar de cheo coa súa testa un fenomenal centro de Luisinho.

Xusto cando se cumpría o minuto 45, Edgar adiantou aos vitorianos, nunha xogada que comezou cun balón ao traveseiro de Christian Santos. Foi un inxusto final da primeira metade para os méritos contraídos polo Dépor.

Nada máis arrancou o segundo período produciuse unha xogada clave, ao cometer Theo Hernández unha dura falta sobre Juanfran que lle custou o segundo cartón amarelo. Con toda a segunda parte por diante, o Alavés quedaba con dez xogadores.

O Deportivo pasou practicamente a monopolizar a posesión do balón. A pesar de todo, nos primeiros instantes custoulle chegar á área rival. O primeiro achegamento en superioridade numérica produciuse no minuto 53, cun disparo de Luisinho desde a frontal que detivo Ortolá sen dificultades.

O Alavés volveu achegarse aos dominios de Rubén no minuto 58, nunha acción de Vigaray polo extremo esquerdo que finalizou Marcos Llorente cun lanzamento lonxano con efecto. O balón marchouse á esquerda da portería deportivista.

O Deportivo logrou o empate no minuto 62. Unha vez máis, a estratexia reportou dividendos ao conxunto branquiazul. Nun córner botado por Emre Çolak desde a dereita do ataque coruñés, Alejandro Arribas anticipouse a Aleksandar Pantić para cabecear sen remisión ao fondo das mallas.

O control dos deportivistas acentuouse aínda máis cando quedaba media hora por diante. De todos os xeitos, o conxunto de Mauricio Pellegrino cortou moito o ritmo de xogo con numerosas infraccións e perdas de tempo.

Tiveron paciencia os pupilos de Gaizka Garitano para buscar ocos. Non foi ata o cuarto de hora final cando empezaron a merodear a portería arabesa. Joselu foi o primeiro en probar a Ortolá, cunha cabezada demasiado centrada que o porteiro do equipo vitoriano atrapou facilmente. Pouco despois, no minuto 83, de novo o '7' deportivista rematou de cabeza, nesta ocasión por riba do traveseiro. No minuto 85, de novo Joselu gozou da oportunidade máis clara. Ortolá, nun alarde de reflexos, rexeitou a saque de esquina coa súa man dereita.

No tempo engadido, o Deportivo non foi capaz de crear ningunha ocasión nin de rematar ningún dos numerosos centros que meteu na área local. Deste xeito, polo valor dos goles en campo contrario, acabouse a Copa do Rei 2016-2017 para os branquiazuis.

Deportivo Alavés: Ortolá, Vigaray, Pantić, Alexis, Theo Hernández, Marcos Llorente, Dani Torres, Krstičić (Toquero, min. 88), Edgar (Laguardia, min. 82), Katai (Kiko Femenía, min. 56) e Christian Santos.

RC Deportivo: Rubén, Juanfran, Arribas, Sidnei, Luisinho, Borges (Guilherme, min. 54), Pedro Mosquera (Óscar Pinchi, min. 81), Borja Valle, Emre Çolak, Marlos Moreno (Andone, min. 60) e Joselu.

Goles: 1-0 Edgar (min. 45); 1-1 Arribas (min. 62).

Árbitro: Estrada Fernández (c. catalán). Expulsou a Theo Hernández por doble cartón amarelo (min. 47). Cartóns amarelos a Borja Valle (min. 16), Pantić (min. 28), Dani Torres (min. 35), Theo Hernández (min. 40), Edgar (min. 81), Laguardia (min. 90) e Guilherme (min. 90+3).

Incidencias: partido de volta dos oitavos de final da Copa del Rei disputado no estadio de Mendizorroza ante 16.765 espectadores, entre eles uns 200 deportivistas.