RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

A campaña 'Os Nosos Valores' alaga Dominicos de deportivismo

O salón de actos do Colexio Dominicos - Santo Domingo da Coruña (na Cidade Vella) foi o escenario onte venres da terceira edición da campaña 'Os Nosos Valores', que promove o Real Club Deportivo.

Os futbolistas Laure e Carles Gil, e do Deportivo Feminino Raquel e Perdi pasáronse polo citado centro educativo para compartir uns minutos con alumnos, profesores e membros da comunidade educativa. Estiveron acompañados polo conselleiro do Club Enrique Calvete.

Abriu o acto Fernanda Bouza Santiago, Directora do Colexio, quen agradeceu a presenza dos deportivistas e asegurou que esta campaña de 'Os Nosos Valores' "paréceme unha experiencia magnífica"; sobre todo tamén por estar Raquel e Perdi, "porque nós temos moitas nenas deportistas". Lembrou que na Igrexa dos Dominicos está a Patroa da Coruña, a Virxe do Rosario, "e sempre que o Deportivo tivo algún éxito veu aquí a celebralo".

"Salta á vista que non son futbolista", chanceou Enrique Calvete no seu breve discurso. "Represento ao Deportivo e ao presidente, que non puido estar hoxe convosco e que vos envía un forte abrazo", engadiu. Mostrouse "emocionado ao representar ao meu equipo de toda a vida, ao equipo da miña cidade, no meu colexio desde os 6 aos 17 anos".

Enrique Calvete entregou un banderín asinado por todos os xogadores e anunciou o agasallo de entradas para o partido deste domingo en Riazor para todos os nenos e nenas de 5º e 6º de Primaria.

A continuación, os futbolistas participaron nunha improvisada rolda de prensa:

Raquel dixo que "os mozos e as mozas estamos en igualdade de condicións para gozar deste deporte (o fútbol) que é moi bonito".

Pola súa banda, Perdi manifestou que os valores fundamentais son a "axuda, compañeirismo, facer equipo e esforzo". "Ningún xogador é tan bo como todos xuntos", explicou aos alumnos e alumnas.

O capitán Laure confesou que prefire xogar os partidos sempre en casa, en Riazor, "con xente como vós animando os noventa minutos".

Finalmente, Carles Gil opinou que "a fama é bonita porque sempre gusta que a xente che dea o seu agarimo e o seu apoio".

O acto concluíu, como é habitual, cun sorteo de dúas camisetas e dous balóns asinados entre todos os asistentes, e unha foto de familia.