RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

A cautela instálase no vestiario do Dépor

Seis futbolistas do Dépor atenderon aos medios de comunicación esta mañá sobre o céspede do campo 1 de Abegondo, nun 'Media Day' ao máis puro estilo Champions League.

Michele Somma advertiu que "non fixemos nada aínda e imos alá a xogarnos moito".

O central italiano vaticina un partido de volta na Rosaleda este sábado 15 de xuño (21:00 horas, Movistar Partidazo) "no que o Málaga seguramente sae para dalo todo. Nós igual. Imos alá a facer o que sabemos facer".

Edu Expósito, pola súa banda, destacou do partido de onte que "após o descanso o equipo saíu moi mentalizado que lle podiamos dar a volta ao marcador. E así foi".

Na Rosaleda ve un partido "duro, moi fodido. Eles van sacar todas as súas armas. Nós imos tentar contrarrestar e non nos imos a gardar nada para tentar gañar o partido".

Pola súa banda, Carlos Fernández mostrouse "contento co resultado, por ese primeiro partido no que conseguimos algo positivo en casa, pero sabendo que non hai nada pechado, que agora temos un partido moi complicado, que imos ir a un campo moi difícil, cun ambiente hostil".

Dani Giménez opina que o resultado do partido "é o froito dun equipo que cre en si mesmo. Nós levamos vivindo xa moitos partidos de play off, con partidos nos que nos xogabamos moitísimo. O equipo crece coas adversidades, superando retos. E onte foi outro máis. O equipo creu, na segunda parte demos un paso adiante e non deixamos xogar cómodo ao Málaga".

O meta deportivista espera na Rosaleda "un campo cheo. A afección empuxará moito. A nós non nos vai a influír. Persoalmente xoguei en campos cheos que apertan moitísimo. A maior parte dos xogadores tamén. Temos certa experiencia. Creo que se sabemos manexar o ambiente, pódenos beneficiar máis que prexudicar".

Advirte Dani que "temos vantaxe, pero un gol temperán do Málaga poríanos en moitos apretos. Temos que saír a gañar o partido. Se gañamos o partido pasamos. Temos unha renda, o empate válenos, pero o equipo non vai pensar niso".

Así mesmo, David Simón resalta que "non hai nada feito aínda que teñamos esa vantaxe. Se onte fixemos un gran esforzo, unha gran reacción e sacrificio, a fin de semana hai que dobregalo. Recuperar ben, escoitar o que nos diga o míster e a traballar para iso".

Finalmente, o capitán Álex Bergantiños queda con que "o grupo soubo superar malos momentos mentalmente. Animicamente fomos fortes e concentrados".

Asegura que "desde xa estamos concentrados, de ver o que nos imos a atopar o sábado en Málaga porque non temos nada feito. O máis importante é estar concentrados e mentalizados do traballo que nos imos a atopar alí".