RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

A deportivista Michelle Romero, entre as 55 xogadoras máis votadas para o World 11 FIFA FIFPro 2019

A xogadora do Deportivo ABANCA Michelle Romero atópase entre as 55 xogadoras máis votadas para o World 11 FIFA FIFPro, o once ideal do fútbol fememino no ano 2019 a nivel mundial.

A votación, organizada por FIFPro, contou coa participación de máis de 3.500 xogadoras de elite de todo o mundo. Cada unha delas elixiu o seu equipo favorito, composto por 1 gardameta, 4 defensas, 3 centrocampistas e 3 dianteiras, segundo o rendemento da Temporada 2018-2019.

FIFA e FIFPro revelarán conxuntamente o World 11 feminino o luns 23 de setembro durante os premios The Best Football Awards na Scala de Milán. Será a primeira vez que tanto o World 11 feminino como o masculino preséntense no mesmo escenario.

As 11 xogadoras que recibiron máis votos nas súas posicións aparecerán no escenario durante a gala da FIFA para recoller o seu premio.

A futbolista venezolana aterrou na Coruña en marzo de 2018. Desde entón, disputou 29 encontros e anotou 13 goles co Dépor ABANCA, entre Segunda División e playoff de ascenso a Primera Iberdrola.

Con anterioridade, Michelle Romero disputou dúas Copas do Mundo con seleccións venezolanas de categorías inferiores. En primeiro lugar, participou no torneo sub-17 celebrado en 2014 en Costa Rica, no que a 'Vinotinto' alcanzou as semifinais. Posteriormente, acudiu coa selección sub-20 ao campionato mundial da categoría disputado en Papúa Nova Guinea, en 2016. Tamén co combinado nacional venezolano proclamouse campioa suramericana sub-17 (2013) e subcampioa sub-20 (2015).