RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#ANOSAHISTORIA

#ANosaHistoria: A Deportivo disputa ante o Betis o seu partido oficial número 3.500

A piques de cumprir 110 anos de vida, o Real Club Deportivo alcanza hoxe, no seu encontro da quinta xornada de Liga no Benito Villamarín ante o Betis, os 3.500 partidos oficiais ao longo da súa Historia.

O Club branquiazul, aínda que naceu en 1906, non disputou partidos de torneos organizados baixo o auspicio de calquera federación, rexional ou nacional, ata 1917, cando xogou por primeira vez o Campionato de Galicia. Neste torneo participou en 24 edicións, entre os anos 1917 e 1940, incluídas dúas temporadas nas que se fusionou co Campionato de Asturias para dar lugar ao Campionato Super Rexional Galaico-Astur. En total, o Real Club Deportivo participou en 196 encontros.

O Campionato Nacional de Liga é a competición na que o Dépor suma máis partidos. Desde o seu debut en Segunda División, o 17 de febreiro de 1929 en Vitoria, ata o encontro de hoxe incluído, o conxunto herculino acumula 2.773 choques, divididos en 1.459 en Primeira División, 1.202 en Segunda División A, 38 en Segunda División B, 38 en Terceira División, 33 en Promocións de Primeira/Segunda, 2 en Promocións de Permanencia en Segunda e o encontro ante o Sevilla das eliminatorias que determinaban a composición das dúas categorías da primeira temporada, a 1928-1929, da Historia do Campionato Nacional de Liga. 

O Campionato de Copa, baixo as súas diferentes denominacións, viu a celebración de 399 partidos co Real Club Deportivo como protagonista. Nesta lista contabilízanse dous duelos que non chegaron a xogarse, pero cuxa vitoria correspondeu ao Dépor por incomparecencia do rival: fronte ao Unión Vigo na edición 1935-1936 e ante o Hospitalet no curso 2001-2002. Obviamente, os encontros suspendidos e renovados en data posterior ante o Valencia (final de 1995 e cuartos de final de 2006) contabilizan como un.

O Real Club Deportivo tomou parte noutras dúas competicións oficiais a nivel nacional, a Copa da Liga e a Supercopa. En cada unha delas participou en tres edicións, disputando 14 encontros na primeira delas e 6 na segunda.

Por último, o Club coruñés conta no seu historial con 112 choques en competicións organizadas pola UEFA. O currículo europeo do Real Club Deportivo desagrégase en 62 encontros de Liga de Campións, 32 de Copa da UEFA, 10 de Copa Intertoto (malia non contar como título europeo oficial, si suma como encontro oficial ao ser considerada unha fase previa da Copa da UEFA) e 8 de Recopa de Europa.