RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

A Escola RC Deportivo chega á Costa da Morte

O pasado martes 9 de marzo tivo lugar a presentación da nova sede da Escola RC Deportivo na localidade de Cee. O acto tivo lugar no auditorio Baldomero Cores da Casa da Cultura do concello ceense.

A nova Escola RC Deportivo, que se realizará en colaboración coas Escolas Luis Calvo e a Unión Club Cee, estará destinada a todos os nenos e nenas de 6 a 14 anos da zona, que comezarán os seus adestramentos o luns 5 de abril, con dúas quendas de adestramento dispoñibles, de 17:30 a 18:30 e de 18:30 a 19:30 horas.

Á presentación asistiron Ramón Iglesias (presidente da Unión Club Cee), Margarita Lamela (alcaldesa de Cee), Jesús Capelán (responsable de fútbol base das Escolas Luis Calvo), Pablo Barros (coordinador de actividades formativas da Fundación RC Deportivo) e Fran González (director de fútbol base do Real Club Deportivo).

A participación mínima na escola é dun mes e os xogadores e xogadoras que desexen participar xa poden inscribirse na web escola.rcdeportivo.es/gl. As inscricións estarán abertas até final de curso, no mes de xuño.

Ante calquera dúbida ou consulta coa Escola RC Deportivo Luis Calvo - Cee, os interesados poden escribir á dirección de correo electrónico escola@rcdeportivo.es.

Con esta nova actividade, a Fundación RC Deportivo seguirá achegando máis o Dépor e o sentimento deportivista aos nenos e nenas de Galicia desde un punto de vista lúdico e axudando á formación e ao desenvolvemento dos rapaces en colaboración cos seus clubs. Ademais da Escola RC Deportivo Luis Calvo - Cee, a Fundación RC Deportivo organiza outras catro: A Coruña, Bertamiráns, Boiro e Caranza.