RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

A Escola RC Deportivo en Cee, en marcha desde o pasado día 5

O pasado luns 5 de abril comezaron os adestramentos na nova Escola RC Deportivo na localidade de Cee, grazas á colaboración entre a Fundación RC Deportivo, as Escolas Luis Calvo Sanz e o Unión Club Cee.

O pasado luns, co inicio da segunda semana, todos os participantes recibiron o seu equipamento oficial e a súa máscara do Dépor e continuaron coas actividades desenvolvidas polos adestradores da canteira do RC Deportivo. Este primeiro mes, os técnicos realizan unha avaliación inicial a todos os xogadores e xogadoras para posteriormente desenvolver os seus adestramentos de maneira individual.

A Escola RC Deportivo en Cee comezou cun total de 38 participantes, repartidos entre as dúas quendas de adestramento, os luns ás 17:30 e 18:30 horas, baixo un estrito protocolo de protección fronte ao COVID-19 con todas as medidas necesarias de prevención e hixiene.

A Fundación RC Deportivo, ademais da súa sede en Alvedro por terceiro ano consecutivo, puxo en marcha este ano a Escola RC Deportivo en Caranza, Boiro, Bertamiráns e Cee cun total de 160 nenos e nenas. A súa principal finalidade non só é complementar os adestramentos e a formación futbolística dos xogadores de maneira individual e personalizada, senón tamén achegar o Dépor e o sentimento deportivista a todos os recunchos de Galicia.

As inscricións atópanse permanentemente abertas en todas as súas sedes. Pódese consultar toda a información e realizar o proceso de inscrición en escola.rcdeportivo.es/gl.

Para calquera consulta coa súa matrícula ou calquera xestión coa Escola poden contactar directamente coa organización na dirección de correo electrónico escola@rcdeportivo.es.