RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

A Escola RC Deportivo repetirá en Ferrol da man do Galicia de Caranza

A sede do SCDR Galicia de Caranza acolleu este xoves 16 de setembro a presentación do acordo entre o club ferrolán e a Fundación Real Club Deportivo para que a cidade de Ferrol prolongue a súa condición de sede da Escola RC Deportivo. Kike Soto, presidente do SCDR Galicia de Caranza, e Pablo Barros, coordinador das actividades formativas da Fundación Real Club Deportivo, representaron no acto ás partes implicadas.

As inscricións xa se atopan abertas, para nenos e nenas entre os 6 e os 14 anos, na web escola.rcdeportivo.es/gl. A Escola RC Deportivo de Caranza terá tres quendas dispoñibles: os mércores de 16:30 a 17:30, de 17:30 a 18:30 ou de 18:30 a 19:30 horas, coa opción de poder adestrar unha ou dúas horas á semana.

Como principal novidade este ano a cada participante co pago da matrícula entregaráselle un equipamento Kappa oficial da Escola RC Deportivo co que é obrigatorio acudir aos adestramentos.

O mércores 6 de outubro comezarán as clases impartidas polos adestradores da canteira do RC Deportivo, que levarán a cabo durante toda a temporada até o mes de maio de 2022. As prazas son limitadas e aplicarase un protocolo de medidas hixiénico-sanitarias especial fronte á COVID-19.

A Fundación Real Club Deportivo pon en marcha, por cuarta temporada consecutiva, esta actividade formativa e lúdica que consegue achegar o Dépor e o sentimento deportivista a través dunha metodoloxía de educación en fútbol e en valores deportivos, formando aos novos futbolistas baixo a supervisión dos adestradores do Real Club Deportivo.

Para calquera outra dúbida ou aclaración, pódese contactar coa dirección da Escola no correo electrónico escola@rcdeportivo.es.