RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

A exposición 'Riazor 75: Recordos dun océano de soños' abrirá as súas portas o xoves 18 no Kiosco Alfonso

O Kiosco Alfonso albergará, desde o vindeiro xoves 18 de xuño até o 2 de agosto, a exposición 'Riazor 75: Recordos dun oceáno de soños', na que os afeccionados poderán rememorar a historia do Estadio branquiazul, que hai uns meses cumpriu 75 anos de existencia.

A Fundación RC Deportivo organiza, xunto ao Concello da Coruña, unha mostra cuxo eixo principal son 75 partidos protagonizados polo conxunto branquiazul sobre o céspede do recinto municipal. A exposición tamén terá espazo para outro tipo de competicións que tiveron lugar en Riazor ao longo destes 75 anos, como partidos de seleccións, torneos de verán ou a Copa do Mundo de 1982.

Preto de 90 obxectos, entre os que se atopan camisetas, trofeos, entradas ou bandeirolas, e máis de 70 fotografías, ademais de 6 ilustracións de gran formato, acompañarán aos visitantes no seu percorrido pola historia do Estadio de Riazor.

Igualmente, diversas pantallas mostrarán imaxes de competicións e eventos que tiveron lugar no recinto, así como planos xerais ou aéreos e mesmo de diferentes obras. Unha destas pantallas, ademais, mostrará unha inédita animación 3D na que se poderá observar con todo luxo de detalles a evolución de Riazor desde o comezo das obras en 1939 até o seu estado actual.

Orixinalmente prevista para abrir o pasado 6 de maio, día do 75 aniversario da inauguración oficial de Riazor, o partido entre España e Portugal de 1945, a exposición tivo que ser suspendida debido á pandemia do Covid-19. Coa previsión de avance nas fases de desescalada, o RC Deportivo e o Concello da Coruña acordaron retomala para abrir as súas portas durante un mes e medio, do 18 de xuño ao 2 de agosto.

Os horarios de apertura serán de 11:00 a 14:00 e de 18:00 a 21:00 horas, de luns a domingo.