RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

A familia de José Luis Vara cede o seu arquivo persoal para o gozo do deportivismo en "Recordos en Branco e Azul"

O arquivo persoal dunha das grandes lendas do deportivismo, José Luis Vara, de cuxo falecemento se cumpren hoxe 9 anos, xa se atopa a disposición de todo o deportivismo grazas á cesión, por parte da súa familia, do devandito material, que se poderá ver na web "Recordos en Branco e Azul".

A familia Vara Mayo puxo en mans do Club tres álbums de fotografías e recortes de prensa de toda a carreira profesional de José Luis. Boa parte dese material corresponde aos seus anos branquiazuis, o groso da súa carreira antes de pasar por Betis, Orihuela ou Granada. O Club dixitalizou case un centenar de imaxes, das que desde hoxe se poden ver, xa documentadas, ao redor dunha ducia. As demais iranse publicando aos poucos en datas vindeiras.

José Luis militou 9 temporadas no primeiro equipo deportivista (1978-1987), co que disputou 291 partidos oficiais (18º posto no ranking histórico do RC Deportivo) e anotou 79 goles (10º máximo anotador do Club). É un dos poucos futbolistas branquiazuis que logrou un Trofeo Pichichi, pois foi máximo goleador de Segunda División no curso 1982-1983, con 16 goles. Ademais, con anterioridade xogou varias campañas no Fabril (1976-1979, 49 partidos e 10 goles) e no Xuvenil A.

Na páxina web recordos.rcdeportivo.es calquera afeccionado ten a posibilidade de achegar o seu granito de area á reconstrución da historia do Club. Un novo dato sobre unha imaxe mediante un comentario, a cesión dunha nova fotografía, unha historia persoal ao redor da instantánea en cuestión...

A mellor opción é a de achegarse coa fotografía orixinal ás oficinas do Club na Praza de Pontevedra, 19, 1º (de luns a venres de 9:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00 horas) para proceder á súa dixitalización coa maior calidade posible. Unha vez dixitalizada, a fotografía orixinal seralle devolta ao propietario, xunto á copia dixitalizada da mesma nunha memoria USB.

O cedente sempre conservará a propiedade da imaxe, que prestará ao RC Deportivo soamente para uso institucional. Todas as fotos publicadas están protexidas con marca de auga para evitar o seu uso fraudulento.

Tamén existe a posibilidade de darse de alta en "Recordos en Branco e Azul", creando, coa mesma sinxeleza que en calquera rede social, un perfil de usuario a través do que quedará constancia de que a foto é da súa propiedade.

A partir de aí, o usuario poderá comentar calquera fotografía e adquire a posibilidade de compartir co deportivismo unha nova imaxe. Cando efectúe a cesión directa da instantánea, esta non será visible de inmediato, pois deberá recibir o visto e prace en función de diversos estándares de calidade fotográfica e valor histórico.