RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

A Federación Galega de Atletismo achega a "Recordos en Branco e Azul" máis dun centenar de fotos de Riazor

A Federación Galega de Atletismo, que mañá mércores cumprirá 98 anos desde a súa fundación, cedeu máis dun centenar de fotografías, a inmensa maioría de competicións realizadas no Estadio de Riazor, das que un bo número delas poden gozar os afeccionados desde xa mesmo na web "Recordos en Branco e Azul".

O atletismo ocupou unha parte importante na historia do Estadio de Riazor, que en poucos meses cumprirá 75 anos de existencia, e do RC Deportivo. O recinto tivo pista de atletismo entre 1944 e 1995 e o Club mantivo unha sección deste deporte durante case medio século, de 1942 a 1988.

A FGA, cuxa asemblea constituínte tivo lugar o 27 de marzo de 1921, foi partícipe da organización de numerosas probas no recinto herculino, aínda que a súa actividade cesou en 1958 ao implantarse o sistema de federacións provinciais. En 1984 volveu constituírse, baixo a presidencia dun ex atleta do RC Deportivo, Sergio Vázquez. Na actualidade, o seu presidente é tamén un ex atleta do RC Deportivo, Isidoro Hornillos.

Entre as imaxes cedidas destacan diversas fotografías da xornada nocturna dos Mundiais Militares de 1964, histórica porque supuxo a inauguración da iluminación artificial do Estadio de Riazor, ademais das de diversos atletas de fama mundial que competiron na pista coruñesa sobre todo no desaparecido Gran Premio Cidade da Coruña, como Bob Seagren ou Mariano Haro.

Na páxina web recordos.rcdeportivo.es calquera afeccionado ten a posibilidade de achegar o seu graniño de area á reconstrución da historia do Club. Un novo dato sobre unha imaxe mediante un comentario, a cesión dunha nova fotografía, unha historia persoal ao redor da instantánea en cuestión...

A mellor opción é a de achegarse coa fotografía orixinal ás oficinas do Club na Praza de Pontevedra, 19, 1º (de luns a venres de 9:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00 horas) para proceder á súa dixitalización coa maior calidade posible. Unha vez dixitalizada, a fotografía orixinal seralle devolta ao propietario, xunto á copia dixitalizada da mesma nunha memoria USB.

O cedente sempre conservará a propiedade da imaxe, que prestará ao RC Deportivo soamente para uso institucional. Todas as fotos publicadas están protexidas con marca de auga para evitar o seu uso fraudulento.

Tamén existe a posibilidade de darse de alta en "Recordos en Branco e Azul", creando, coa mesma sinxeleza que en calquera rede social, un perfil de usuario a través do que quedará constancia de que a foto é da súa propiedade.

A partir de aí, o usuario poderá comentar calquera fotografía e adquire a posibilidade de compartir co deportivismo unha nova imaxe. Cando efectúe a cesión directa da instantánea, esta non será visible de inmediato, pois deberá recibir o visto e prace en función de diversos estándares de calidade fotográfica e valor histórico.