RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

A Fernando Vázquez parécelle "normal" a esixencia da afección e lembra que "o obxectivo é conseguir a permanencia. Non hai outro"

Fernando Vázquez subliñou esta mañá na sala de prensa de Abegondo que "autoesixirnos máis non é negativo. Son moi autoesixente e canto máis es, máis te decepcionas. Paréceme normal que a xente poida ser esixente co equipo e decaer un pouco. Hai que ser consciente cal é o obxectivo deste ano. O obxectivo é conseguir a permanencia. Non hai outro. Temos que esixir iso, a permanencia, a salvación".

O técnico deportivista cualifica de "alegría ficticia" a clasificación provisional, co equipo fóra de posicións de descenso, "pero as celebracións, a alegría ten que ver co obxectivo final que é salvarnos. Para min non supón nada especial (estar a día de hoxe fóra das prazas de descenso). Seguimos aí un grupo de equipos pelexando polo mesmo obxectivo e só ao final hai que celebralo, cando gañemos os partidos que teñamos que gañar ou cando fagamos os puntos que teñamos que facer".

Ve aos seus futbolistas, desde o punto de vista físico, "ben. Non se están mostrando inferiores. O equipo non cae nos partidos. Leo o rendemento físico do equipo no segundo tempo e parécese bastante ao do primeiro. Por aí non temos problemas. Pero o importante non é agora. Seguimos xogando con moi pouco descanso. Imos enfrontarnos a un equipo que ten 1 día máis de descanso que nós. E isto aos poucos vai pesando porque a competición aínda vai durar un mes. Nestes momentos o equipo está a responder ben pero coa acumulación de partidos, ¿que vai pasar? Esa é a gran incógnita".

Nesta liña, subliña o aspecto mental: "Xogar, recuperar 1 día, xogar. Se nos entra cansazo mental, esgotamento a nivel de concentración, atención... iso é moi difícil de percibir e é definitivo xogando ao fútbol porque o fútbol é un deporte táctico, de intelixencia, de concentración, de atención. Estes factores inflúen e son decisivos á hora de gañar un partido ou perder".

Do Elche CF, rival mañá martes 23 de xuño no Estadio Martínez Valero (19:30 horas, Movistar LaLiga), Fernando Vázquez subliña que "é un equipo ben adestrado, ben preparado, con futbolistas de mediocampo cara arriba súper rápidos e con bastante gol. É un equipo que me gusta e por iso a súa situación é a que é. É un rival que nos vai a poñer moitos problemas e vai poñer a proba a nosa solvencia defensiva".

Finalmente, sobre Peru Nolaskoain explica que a súa lesión no nocello dereito "é menos grave do que parecía. Temos a esperanza que como moi pronto poida xogar en Tenerife. Serían 2 partidos. Ao terceiro partido podería xogar. A ver se os nosos fisios póñense as pilas e conségueno. Estamos contentos que sexa así".